Antía Yáñez, premio Illa Nova pola súa novela «Senlleiras»

Na súa segunda obra, a escritora burelense serve unha historia de intriga cunhas pingas de historia e feminismo


REDACCIÓN / LA VOZ

Coa súa novela Senlleiras, a xove escritora Antía Yáñez (Burela, 1991) fíxose onte co premio Illa Nova, na súa segunda edición e que promove o selo Galaxia, que vén de instaurar este galardón en homenaxe á colección do mesmo nome que a editora viguesa puxo a andar en 1957 e na que publicaron autores como Xohana Torres, Xosé Luís Méndez Ferrín ou Carlos Casares. O premio -que se inaugurou o ano pasado coa obra de Vanesa Santiago A vida sinxela de Marcelo Firmamento- busca animar ás novas xeracións da literatura galega, o mesmo efecto que logrou daquela.

No caso de Yáñez, ela só tiña publicada unha novela, especialmente dirixida a adolescentes -O misterio de Portomarín-, un debut que se converteu no octavo libro máis vendido de Galaxia. Este éxito a animou a porfiar e foi así como se puxo a traballar en Senlleiras, xa pensando nun público adulto, e como decidiu presentalo a un premio de entidade na busca dunha maior visibilidade.

Yáñez fixo Enxeñaría de Camiños, pero non pasou das prácticas nunha empresa. Non quixo exercer, porque «non podía coas oito horas de oficina» e porque a vocación da escritura bulía dentro de si desde nena. «Cando era pequena xa participaba en certames de carácter local, como os da biblioteca de Burela», lembra. Na parte final da carreira volvera retomar esta afección. O director de Galaxia, Paco Castro, foi un dos que a máis a animou a non se render. Agora ela comeza a recoller os froitos dunha paixón que comezou coas súas lecturas de J.K. Rowling. «Esperaba con devoción cada nova entrega da saga do mago Harry Potter. Era o que eu topaba a nivel de lectura máis entretido. Daquela non había os libros bonitos que hai hoxe para os adolescentes. Tamén lía as aventuras dos Cinco, que me recomendou e regalou miña nai», recorda.

Estas lecturas forxaron a súa inclinación na escritura polas historias de misterio, o medo, a intriga, o terror... «É que son as historias que me gusta ler», referenda. Niso Senlleiras segue o camiño iniciado con O misterio de Portomarín. «Todo comeza -explica- cando unha influencer sube a unha rede social unha foto na que aparece unha man estraña sobre o seu ombro. Ese é o desencadeante». Pero Yáñez aposta por facer unha novela máis complexa ao incorporar elementos temáticos de historia e de feminismo, polos que agora anda moi interesada nas súas lecturas: Leticia Dolera, Nuria Varela, Caitlin Moran...

Aínda que dá clases na súa academia de Cecebre, porque recoñece que é difícil vivir da escritura, xa anda a traballar nunha nova historia que recupera os personaxes de O misterio de Portomarín.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de A Coruña

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Antía Yáñez, premio Illa Nova pola súa novela «Senlleiras»