«En Galicia fun invisible moito tempo»

ÁLVARO rodríguez casal / c. a.

CAMBRE

CESAR QUIAN

Cambre celebra a primeira edición do festival Corazón e Bravura, rendendo homenaxe ao músico de Voces Ceibes

27 jul 2017 . Actualizado a las 13:09 h.

O cantautor galego Miro Casabella, cofundador de Voces Ceibes, é obxecto estes días dunha homenaxe no Concello de Cambre, onde reside. O sábado actuará xunto a Paco Ibáñez.

-Cando nace o seu interese pola música?

-Nace moi cedo, cando tiña uns 10 anos e quería ser vocalista dunha orquestra, pero non me deixaron porque tiña que estudar. Esa foi a miña primeira frustración.

-E por musicalizar poemas galegos?

-Con 15 anos un médico republicano represaliado ensinoume a tocar unha guitarra e a literatura galega que estaba proscrita.

-Que destaca dos seus inicios como compositor?

-A primeira vez que te enfrontas a un estudo de gravación onde só ían os cantantes famosos que admirabas foi unha impresión moi grande.

-Con que dificultades se encontrou ao longo da súa carreira?

-As dificultades eran moitísimas, había unha opresión operativa onde tiñan que autorizarte os teus textos. Era un clima moi incerto, onde o medo sempre estaba presente.

-Expuxo crear outro tema dende o seu último lanzamento en 2004?

-Si, teño moitísima música que fun recollendo estes anos, pois era un hábito chegar a casa e poñerme a cantar. Aínda así é unha cousa para collela con calma.

-Os cambios que vive a nosa sociedade son merecedores de novos temas seus?

-Claro que si, aínda que a competencia como a prensa ou a televisión xa se encarga diso. Con todo, as cousas que cantaba naqueles tempos seguen a ser moi actuais e vixentes.

-A música social continúa vixente na actualidade?

-A crítica social sempre está presente.

-E que lle parece?

-Actualmente ten un circuíto máis pequeno, a xente afíxose a ver aquilo que ten moita publicidade. Agora o cantautor sae e non ten esa repercusión, ademais aquí en Galicia é outro mundo.

-Que cantaurores galegos segue?

-Xosé Quintas Canella, que ten unha vertente lírica medieval cunha temática de agora. Tamén María Manuela, Sés, ou Pichola, que mestura a música popular, coa medieval e a folk.

-Se hai 40 anos Internet e as redes sociais existiran, cre que as súas cancións protesta chegarían a máis xente?

-As redes sociais eramos nós. Había teléfono, había prensa e había relacións, a difusión era principalmente de boca en boca e cunha convocatoria de dous días antes do concerto conseguíase un público dunhas 2.000 persoas. Aínda que eu en Galicia fun invisible durante moito tempo.

-Que significa volver a cantar xunto a Paco Ibáñez?

-É moi loable, tráeme recordos impresionantes, pois hai anos que non nos subimos ao escenario xuntos.