«Atrápame se podes» buscará en Betanzos concursantes para o seu bote de 25.000 euros
BETANZOS
O casting será este xoves 16 na Praza do Campo desde as 11.00 horas
14 abr 2026 . Actualizado a las 19:41 h.O exitoso programa de televisión Atrápame se podes fará este xoves, 16 de abril, en Betanzos a última parada da súa xira de castings presenciais por Galicia. A iniciativa chega despois das recentes probas realizadas en Ordes, Carballo e As Pontes, co obxectivo de atopar novos perfís que se atrevan a competir diante das cámaras.
A xornada de selección terá lugar na Praza do Campo, entre as 11.00 e as 14.30 horas, e está aberta a todas aquelas persoas maiores de idade que desexen participar, sen que sexa preciso contar con experiencia previa no ámbito televisivo. En caso de condicións meteorolóxicas adversas, o proceso trasladarase ao edificio Liceo.
Ademais da opción presencial, o programa mantén activas outras vías de inscrición para facilitar a participación: a través do correo electrónico atrapamesepodes@csag.gal ou enviando unha mensaxe de WhatsApp ao número 618 38 80 87.
Presentado polo comunicador ourensán Rodrigo Vázquez, o espazo da TVG emítese de luns a venres ás 15.40 horas e converteuse nun referente do entretemento na comunidade. O formato combina rapidez e coñecementos en ámbitos como a música, a gastronomía, a xeografía ou a actualidade nunha dinámica de cinco fases eliminatorias que manteñen en tensión aos concursantes ata o final.
Na actualidade, o bote do programa sitúase nos 25.000 euros, unha cifra que continúa aumentando en cada edición sen gañador. O reto para os novos aspirantes será igualar ou superar marcas históricas como a de Iván Pantín, quen acadou o maior premio rexistrado nun concurso televisivo galego, cun total de 101.800 euros.