Uxía Aguiar: «Restaurar o Pasatempo é de grande interese e un desafío polo valor que ten»

Dolores Vázquez BETANZOS / LA VOZ

BETANZOS

La especialista de A Terra Chá, gerente de Parteluz Estudio, destaca a singularidade dos traballos que van a levar a cabo no parque

05 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Uxía Aguiar (Cospeito, 1982) é a administradora e xerente de Parteluz Estudio, a firma adxudicataria das obras da primeira fase da restauración do Pasatempo de Betanzos. Esta empresa lucense creouse hai nove anos, mais ela leva quince como restauradora.

-Cantos integran a firma?

-O noso equipo está conformado actualmente por 26 profesionais, entre técnicos, aparelladores, restauradores, albaneis e canteiros, todos cunha ampla experiencia en restauración do patrimonio monumental.

-Coñecían O Pasatempo antes de optar a súa restauración?

-O Pasatempo é coñecido para todos os galegos, polo seu valor patrimonial e ademais no mundo da restauración en Galicia sábese que o seu estado se degradou moito nos últimos anos. Como teño perfil de restauradora-conservadora estivemos moi atentos á licitación, estivemos moi atentos a súa restauración, porque nos interesaba pola súa particularidade, técnicas e artísticas, de materiais, e tamén polo seu valor inmaterial en tanto a historia da súa creación para a vila de Betanzos. Para nós é de grande interese e un desafío polo valor que ten.

-Como ve o seu estado?

-Como conservación, malo, está moi degradado, pero vémonos capaces de facer a súa restauración de xeito integral e seguindo os criterios marcados en canto a conservación e restauración.

-O Concello avanzou que comezarán en dous meses, pero como vai ser a obra?

-Nós imos aliñarnos o máximo posible co planning do Concello e lograr o obxectivo de todos, que é recuperar e poñer en valor o parque do Pasatempo. O proxecto ten un tempo de execución de 15 meses, prevé unha intervención integral que comprende dende os traballos iniciais de estudos previos de corroboración do estado de conservación e diagnose ata as actuacións nos elementos arquitectónicos do estanque do Retiro e da illa do templete, así como a restauración dos baixo releves pictóricos do estanque do retiro, e do mosaico pavimental de cantos rodados.

-Teñen experiencia en traballos singulares?

-Dende 2012, o estudo leva participado en numerosas campañas de conservación e restauración, desenvolvendo traballo principalmente sobre arquitectura e a súas decoracións, o que nos levou a participar no proxecto de actuacións no entorno do Pórtico de la Gloria, mediante o que se interveu na tribuna, e nos revestimentos e decoracións murais das bóvedas do nártex, ademais de noutros ámbitos, como a fachada da Quintana, os patios da porta santa, da porta de Abades, a cripta e a escalinata do Obradoiro, na catedral de Santiago. Outros traballos a destacar son as intervencións en mosteiros representativos do patrimonio cultural galego coa Dirección Xeral do Patrimonio de Galicia, como son San Clodio de Leiro, Santa María de Nogueira de Miño e San Xiao de Moraime o Santa María de Sobrado dos Monxes, ou nos elementos singulares dos edificios históricos da Universidade de Santiago, como son o claustro e as portadas dos colexios de Fonseca e San Xerome.

-Entendo que non é o máis singular entón o do Pasatempo.

-Non o pensamos así, para nós cada proxecto de restauración, como son tan distintos, lle damos o seu valor, ademais no Pasatempo temos a oportunidade de tratar moitos materiais, de facer reproducións de pezas e traballos moi interesantes que non son os habituais. Estamos moi contentos con poder executalo.

-E consideran a intervención especialmente difícil?

-Si e non. A restauración sempre é complexa, porque nela inciden moitos factores e os tratamentos que se aplican non se poden facer de xeito estandarizado, porque cada traballo ten as súas particularidades, para facer unha similitude cun médico, cada paciente é distinto. E nós valoramos cada monumento de forma intrínseca.