José Ramón Togores Hernani: «As tradicións sobreviven cando se reinventan»

BETANZOS

MARCOS MÍGUEZ

O autor de «Adegas do viño do país» defende o mantemento destes espazos, cuestiona a falta de apoio institucional e aboga pola recuperación vitivinícola na zona de Betanzos

04 dic 2020 . Actualizado a las 09:25 h.

Adegas do viño do país, Betanzos, unha tradición por reinventarse é o libro que a entidade Eira Vella acaba de publicar a José Ramón Togores Hernani (Ferrol, 1982). O autor estudou Educación Social, é técnico en fotografía e traballa no ámbito dos servizos sociais, en Accem. Esta obra parte do traballo presentado nun mestrado da UDC en Política Sociais, que estivo coordinado por Carlos Diz Reboredo e Eva Parga Dans. No transcurso da súa realización contactou co historiador Xesús Torres, que pertence a Eira Vella, que lle propuxo levalo a formato libro. O traballo tivo xa un recoñecemento internacional, coa publicación dun artigo científico na revista iberoamericana Rivar. A tese que sostén Togores Hernani é que «é importante a capacidade de mobilización dos e das adegueiras, a compresión do ámbito de consumo da importancia e singularidade da tradición e de que se consuma viño local, así como o apoio institucional», mais tamén a recuperación da vitivinicultura nunha rexión historicamente produtora.

-Como chega a estudar as adegas?

-En técnicas cuantitativas de investigación social tiña que facer entrevistas e como tiña ganas de facer algo sobre isto entrevistei a dous adegueiros e a clientes. Especialiceime na rama de cambios familiares e envellecemento. Moitas das persoas que aínda hoxe rexentan as adegas son maiores, fixen unha proposta de traballo de carácter interxeracional, porque nas adegas xúntanse maiores con xente nova.

-Antes do traballo, xa as coñecía?

-Vivo en Bergondo dende hai 8 anos e fago vida social en Betanzos. A modo de anécdota, eu vivín nunha casa con outras persoas e nos lanzamos a facer sidra. Achegueime a Adega do Porto para preguntarlle por se vendían barrís, eles non, pero soubéronme indicar quen tiña e comecei a contactar con este mundo. Ademais de beber un viño, preguntaba sobre temas relacionados co cultivo, tamén sobre a cultura local, aspectos das redes sociais de Betanzos e os modos de vida ligados ao agro. Gustábame o ambiente destes espazos e fun coñecendo distintas adegas ata que chegou un ano que quixen repetir, e dúas ás que fora o ano anterior xa non estaban abertas porque as persoas que as rexentaban morreran ou abandonaran os cultivos. Tomei conciencia de que esta tradición estaba en risco de extinguirse e visto que non había ningún traballo desta temática pareceume interesante tanto para as adegas como a poboación.

-Que fai singular as adegas de Betanzos fronte aos furanchos?

-O inicio do traballo formulo dúas preguntas de investigación, unha era como podía ser que existan en Galicia os furanchos cunha situación totalmente oposta, viven un momento de auxe e hai demanda popular, son un reclamo enoturístico e en Betanzos estaban pechando, a xente nova non acude con frecuencia. Tamén me chocaba que non existira ningunha iniciativa cidadá ou institucional dedicada a conservar e protexer esta tradición. Hai marcadas diferenzas, nos furanchos pontevedreses cocíñase, nas adegas é a clientela a que leva o seu xantar e tamén os tempos de apertura son distintos. A lei de furanchos de Galicia do 2012 establece que deben abrir de marzo a xuño, tamén inclúe as adegas betanceiras, mais tamén abren noutros períodos: xaneiro, novembro, xuño.... É normativa feita por e para os furanchos, sería precisa unha específica.

-Falta entón respaldo institucional?

-O Concello ten delegada a responsabilidade de elaborar unha normativa local para regular estes espazos. Non aplica a normativa, a dos furanchos, porque terían que pechar seguramente gran parte deles, mais tampouco se mete con eles. Isto pode ser positivo, mais tamén os deixa en situación de alegalidade. Non existe iniciativa institucional para promovelos nin para visibilizalos, dende o meu punto de vista podería ser incluídas nun roteiro turístico ou facer unha xornada ligada á tradición, mais isto non se fai.

-Cantas quedan?

-En 2019 contabilicei 15, unha en Coirós, catro en Paderne, e o resto no municipio de Betanzos, tres delas no casco histórico. No traballo fago un percorrido cuantitativo entre o ano 1985 e a actualidade e daquela había unhas 40 adegas contabilizadas e fóronse reducindo ata as 15 actuais. Nunca houbo un rexistro oficial, pero por persoas que entrevistei dicían que en cada porta había un ramo.

-Chegou á conclusión de canto lles queda de vida?

-Non. Non o podo estimar con exactitude, a día de hoxe máis da metade das persoas que rexentan as adegas son maiores de 65 anos, persoas xubiladas que fan isto por motivos non só económicos, tamén por satisfacción de recibir xente na súa casa, de que proben o viño, de falar... Non sei canto durará, dependerá da súa capacidade de adaptación, do ámbito de consumo, se logran darlle importancia á tradición e a consumir o viño local, tamén do apoio institucional e haberá que ver se apostan pola continuidade desa tradición ou a súa reinvención.

-Que propón?

-Un discurso alternativo ao que impera que é que teñen os días contados. Fundamento en base a autores académicos sobre as tradicións que as tradicións sobreviven cando se reinventan e son capaces de adaptarse aos contextos actuais. Eu a receita non a teño, está nas mans de empresas vitivinícolas e persoas que cultivan viño.

-Hai un problema xeracional?

-Sobre todo hai ausencia de relevo. Hai un acusado abandono da vitivinicultura local nunha rexión que historicamente foi produtora de viño, e que ten un alto potencial en elaboración como se ten demostrado recentemente. Son poucas as iniciativas vitivinícolas, e os cultivos tradicionais están en abandono.

-Por que pasaría esa reinvención?

-Pola adaptación da tradición ao contexto actual de globalización do mercado do viño e pola valoración das producións singulares. Por unha parte, pola elaboración de viños de calidade e tamén por espazo para quen elabora o viño tinto tradicional, o que chaman viño do país, que ten outra tipicidade e é resultado da historia de Betanzos. Ten demanda popular, tamén ten os seus detractores, que achaca a mala fala do viño de Betanzos a ese viño, pero é unha singularidade a protexer.

-Vai continuar investigado?

-Abro a porta a continuar co movemento terroir dentro do sector do viño, de calidade, personalizados e desmarcando das denominacións de orixe. En Betanzos hai propostas nesa liña.