«Viva el Rey»

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

BETANZOS

21 oct 2020 . Actualizado a las 09:04 h.

No século XV en Galicia berrouse «Viva el Rey» dun xeito colectivo. O rei en cuestión era o denostado Enrique IV «o impotente». Seguramente poucos reis teñan sufrido a carga de burlas, críticas, bulos e sarcasmos como Enrique IV, irmán de Isabel a raíña Católica. Tanto foi criticado que case era imposible que fora verdade a morea de defectos e crimes que lle achacaban. Betanzos, unha das cidades que protagonizou a convocatoria dos Irmandiños galegos contra a aristocracia, é a única que lle dedicou unha rúa e un recordo de agradecemento a Enrique IV «o impotente». Por qué os irmandiños berraban «Viva el Rey», así dito en castelán, cando eles falaban seguido galego? O historiador Líopez Carreira explícao nun libriño sobre a rebelión popular irmandiña titulado así: Viva el Rey. Este rei de Castela e León ( e de Galicia, por suposto) enfrontárase aos privilexios nobiliarios e máis aínda, ás actividades bandoleiras e malfeitoras dos nobres. Apoiou decidido as reivindicacións irmandiñas e deulle á Irmandade título de lexitimidade. Pouco menos que declaraba léxitimo o dereito á rebelión contras as inxustizas. A enchenta de críticas e a campaña de desprestixio e burla a que foi sometido está en relación con esta política a prol dos irmandiños. Como os galegos parvos non eran berraban con lóxica «Viva el Rey». Estes días temos escoitado vivas ao Rei, pero non sabemos se se trata do mesmo «viva», e se os «vivas» son do gusto do rei ou lle preocupa que non veñan dos «irmandiños».