Mentres xestiona por vía telemática o centro que dirixe no Rosal, Xosé Tomás prepara dous libros ilustrados
18 may 2020 . Actualizado a las 14:18 h.Cada quince días, Xosé Tomás e a súa familia visitaban a súa vila oriúnda, Betanzos, dende Tomiño, onde viven. O popular debuxante é o director do CPI Manuel Suárez Marquier, no Rosal, ao sur de Pontevedra. Así que alí o pillou esta parálise nacional, sen posibilidade de retornar á Betanzos (onde cada dous sábados impartía clases de debuxo na libraría Biblos), e sen poder cruzar a fronteira, froito da desconfianza portuguesa á xestión sanitaria española. Mais no caso de Xosé Tomás non hai que lamentar un deses confinamentos en espazo reducido. Vive nunha preciosa casa con xardín, e horta.
-Os seus fillos teñen o mestre na casa mentres o resto dos pais andamos entre fichas, fotocopias e correos electrónicos.
-O meu fillo chegou a dicir que tivo mala sorte porque todos se libraron dos mestres agás eles, que viven co director. Pero no fondo non teñen queixa, aquí hai certo desafogo para saír, e eles son dous, teñen con quen pelexar.
-Como se xestiona o ensino de máis de 400 alumnos nunha situación así?
-Non está a ser sinxelo. A xestión máis importante foi a preparación dos ordenadores, levamos repartidos 25. Non se trata só de enviar chollo e esquecerse ate que o devolvan, hai que manter o contacto emocional, para os nenos non é unha festa, os rapaces dinme que lles da grima esta situación. Recoñecen que é algo grimoso, non negan que lles gusta durmir en vez de madrugar, pero é o único. Hai moita titoría telemática, de profes con nenos, e moita carga burocrática. Eu estou todo o día ao teléfono.
-Como ilustrador, que inspira este peche total?
-Estou abordando ese tema nunha viñeta semanal, e optei polo tema da educación. Fago cousas atemporais sobre a educación e iso sérveme de catarse. E ando nun par de proxectos con Xosé Alfeirán, A pequena historia da Coruña, ilustrada e documentada por el. Tamén estou cun proxecto de Galaxia, Historias da fraga revirada, cinco contos que acontecen nun bosque onde os animais seguen o seu propio destino, a súa propia elección, un lobo vexetariano, unha mantis que non devora á súa parella… estaba previsto que saíra en abril. O da historia da Coruña é como unha guía gamberra, con pildoriñas de información, un paseo rápido.
«Ver como xestionou Portugal esta crise dache un punto de envexa»
-E con todo isto nin sequera nos queda Portugal.
-Unha magoa. Iamos ás feiras, aos invernadoiros, hai sitios moi interesantes para mercar plantas. Hai un tipo de tomate que se chama coraçao de boi e non os podemos mercar. E logo tamén che dan un punto de envexa, porque se adiantaron moito. Son respectuosos, non fai falta prohibirlles nada, basta con que se lle recomende, había franxas horarias e as respectan. O seu Fernando Simón é unha rapaza que se formou nos Estados Unidos e retornou podendo quedar alá e agora lidera o proceso. Está a facer un gran traballo. O da fronteira pechada está prexudicando a moitos traballadores que en lugar de ir pola Guarda, agora teñen que ir ate Tui e fan moitísimos quilómetros. Os alcaldes da bisbarra reuníronse para que lles deixen pasar polas rutas habituais, e non só na vía principal onde teñen montados os controis.
-Considera viable o retorno ás aulas?
-Viable si, pero o vexo complicado para os alumnos. Tes que atender aos que están e aos que non están. Os nenos non sei, pero os adolescentes son contaxiadores natos, podería haber un repunte moi grande. Os centros de ensino non son precisamente unha illa durante unha pandemia.
O betanceiro Xosé Tomás pasa o confinamiento en Tomiño. É o director do colegio do Rosal.