Pablo Fernández: «Ate o momento no viño de Betanzos faltou especialización»

D. Vázquez BETANZOS / LA VOZ

BETANZOS

O presidente da Asociación de Viticultores e Adegueiros de Betanzos admite que existe recoñecemento, pero falta superficie cultivada e é un sector de grande risco

28 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Pablo Fernández Coroas (A Coruña, 1979) preside dende hai tres anos a Asociación de Viticultores e Adegueiros de Betanzos, que agrupa a seis dos sete produtores da zona entre os que está Pagos de Brigante, que converterase no máximo produtor cando plante as 12 hectáreas que pretende recuperar en Paderne. Prodúcense ao ano uns 15.000 litros de viño autóctono e Fernández Coroas di que precísase máis superficie cultivada.

-Son poucas bodegas.

-Hai outras dúas, pero xa non están activas. Unha pechou o ano pasado por xubilación, aínda que segue como viticultor e repartiu as terras entre as outras, e outra é unha sociedade grande, que tiña catro hectáreas, hai uns tres anos abandonaron a actividade, levaban a finca a nivel viticultor e este ano vanna alugar.

-Como está o sector?

-Ben, pero con dificultades, a problemática máis grande é que non hai unha aposta clara e decidida polo viño. É un pouco culpa de todos. O ano pasado tivemos unha reunión coa conselleira de Medio Rural e o xefe territorial e comprometéranse a mobilizar unhas terras para poñelas en explotación coa lei de mobilidade de terras, pero quedou en nada, ambos marcharon da consellería e quedamos sen nada. Pero non se lle pode botar a culpa a Administración, o problema é que somos sete bodegas e penso que Luis Sande é o que fai unha aposta decidida por una especialización. O resto das bodegas non foi viticultura especializada, de aposta decidida e utilizalo como único medio de vida. Sempre foi actividade complementaria. En xeral ate o momento non hai especialización e unha aposta clara polo viño.

-Non da?

-É complicado, é moi arriscado. Aquí as producións son moi pequenas, precisa man de obra exhaustiva, é complicado. O que fai Luis é moi arriscado, fai un investimento grande e os viños hai que vendelos. Estes non son viños baratos no lineal do súper, e a bodega, entre os intermediarios, non chega nin o 50 %. Son producións pequenas e o clima é complicado.

-Como foi este ano?

-Foi un ano que costou chegar á maduración, tiremos un verán un pouco atípico, pero vou facer como os da Rioja, que todos os anos son excelentes.... Sinceramente non gañamos enganando, foi un ano medio, non tan bo como o pasado.

-Se está claro que o viño é bo, cal é o inconveniente para que non haxa máis produtores?

-Entre o minifundismo, o abandono e especulación é complicado acceder á terra. O clima é unha ameaza todos os anos, pero tamén unha fortaleza, temos unha frescura que se aprecia moito fóra de aquí sobre todo. Son singulares, aínda que aínda moi descoñecidos.