Don Javier

Xosé C. Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

BETANZOS

10 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Galicia é país de sabios maiores. Adoitamos non presumir deles por modestia e recato, pero non creo que exista un lugar onde o talento agrome con tanta frecuencia: colosal. Galicia é un tesouro, adoita dicir Juan Carlos Escotet, actual presidente de Abanca. O anterior presidente forma parte dese grupo sapientísimo. Javier Etcheverría é sabio maior non pola súa idade, senón polo tamaño da súa humanidade, intelixencia e mesura. Don Javier, que non quere que lle chame don Javier, só peca de vehemencia cando fala de Galicia e do seu Betanzos. Se por el fose, Betanzos sería o creador do mundo, de Eva, Adán, dos astros e alabastros. Sostén con implacable lucidez e con argumentos indiscutibles, e indiscutidos, que os inventores do golf foron dous de Betanzos. Dous trasnos (dous golfos: golf-os) que corrían polas rúas vellas betanceiras, telúricas: recendo a lavanda e trigo. Dous pícaros de Betanzos inventaron o golf cando en Escocia, ou en Irlanda, tomaban prestada a froita das árbores e golpeaban as pezas cun pau. Don Javier sostén tamén que Xesús era galego e non galileo, e que só unha brincadeira evolutiva da linguaxe foi quen de transformar a súa orixe galega en galilea. Para el tamén o apóstolo Santiago era paisano noso e para demostralo ofreceume datos de toda índole que, pola súa elocuencia, non puiden refutar. En realidade aos sabios maiores do país hai que escoitalos mainamente. Aprender deles. E, con gravidade, preguntarse cómo acadaron a súa condición distinta e distinguida: esforzo, prudencia, humildade e corazón (un gran corazón). Neste país, no que perdemos tanto tempo con fruslerías, debemos virar os ollos cara aos sabios maiores. Don Javier, por exemplo.