A revista do Clube de Lectores Biblos festexa o seu número 100

H. J. P. REDACCIÓN / LA VOZ

BETANZOS

Detalle da mostra, na que os orixinais se acompañan das portadas da revista de Biblos que ilustraron
Detalle da mostra, na que os orixinais se acompañan das portadas da revista de Biblos que ilustraron

A libraría Biblos de Betanzos inaugura mañá unha mostra con algúns dos orixinais que ilustraron a portada da publicación

30 ago 2019 . Actualizado a las 10:09 h.

«Non está mal, e máis cando non dabamos un can», chancea Carmela González Boó, directora do Clube de Lectores Biblos, que festexa estes días a saída do prelo do número 100 da súa revista literaria para subscritores. Para espallar esta celebración e compartila cos seus socios e con todos os amantes da literatura galega, inauguran, este sábado ás 13 horas, na súa libraría Biblos, en Betanzos -a carón do pazo de Lanzós-, unha exposición cunha selección de obras orixinais que ilustraron algunhas das portadas dunha publicación nacida no 2003 -o primeiro exemplar saíu á rúa o 6 de marzo dese ano- para levar aos fogares as novidades do mercado editorial en lingua galega.

Precisamente, aquela portada inaugural -un retrato de Antón Avilés de Taramancos realizado por Antón Costa- integrará a mostra, como tamén obras de Kiko da Silva, Xabier Correa Corredoira, Pío Costa, Miguel Ángel Fernández y Fernández, Miguelanxo Prado, Inma Doval, Francisco Pillado, María Maquieira Vales-Villamarín, Xoán G., Pilar Cancio e Xosé Cobas, entre outros.

Dezaseis anos despois a revista bimestral segue a exercer a súa función, e levar os libros ata os domicilios é igual de complicado que a venta directa, sinala González, quen engade que a libraría (aberta no 2013) «é moi gratificante» porque as actividades que promove fomentan a relación coa xente da vila e «permiten facer de Biblos un proxecto máis amplo». É verdade, admite, que a crise contraeu o negocio e obrigou a reducir o número de títulos editados.