«Relatos e lembranzas» de Plácido Betanzos para non esquecer

laura veiga / a. g. RIBEIRA / LA VOZ

BETANZOS

A obra póstuma do escritor foi presentada no salón de plenos de Ribeira con emotivos discursos da familia, a comisión e o alcalde

11 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Ás 21.01 horas do venres comezaba a soar a guitarra no salón de plenos de Ribeira para presentar Relatos e lembranzas, unha obra póstuma do escritor e mestre Plácido Betanzos. Poucos minutos despois de que José Luis Olveira enchera de acordes a estancia facíase o silencio e Santiago García, editor do libro e membro da comisión de homenaxe a Plácido Betanzos, tomaba a palabra para expresar o seu agradecemento a todos os asistentes, así como a aqueles que colaboraran na obra. Alén, dedicoulle unhas palabras cargadas de agarimo ao autor, cuxa «forma optimista de ver a vida aínda é un exemplo a seguir».

Após dos aplausos que precederon, foi Olegario Sampedro quen fixo soar a súa voz a través do micrófono. Este, que tamén forma parte da comisión, non puido evitar emocionarse mentres afirmaba que a obra de Betanzos é «unha viaxe ao pasado, porque o pobo que non coñece o seu, non pode ter un futuro. Pero tamén é unha viaxe á fala da rúa, cargada de enxebrismos e localismos». Sampedro lembraba os valores do seu amigo, entre os que destacaba «humanidade, igualdade, feminismo, servizo público e fraternidade».

Ás 21.21 horas, xusto no ecuador das intervencións, volvía a soar a música do guitarrista, desta vez, acompañada de Marta Pedrosa recitando as palabras de Plácido Betanzos.

Unha vez rematada a interpretación, foi a filla do falecido, Sofía Betanzos, quen enxalzou a súa figura contando anécdotas da infancia e outras máis recentes. Tamén engadiu, entre os sorrisos emocionados da súa nai, Mari Carmen Neira, que a personalidade do seu pai asentábase en «axudar aos máis débiles, por iso se dedicou tanto a protexer o noso idioma, do que estaba completamente namorado».

A fin do acto

O discurso do alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, deu por concluída a presentación do libro. Na súa intervención, Ruiz agradeceu á comisión por manter a memoria do escritor con actos como o nomeamento do paseo Plácido Betanzos e afirmou que esperaba que «o Concello estivera á altura». Ademais, confirmou o sentimento xeral de que «Plácido sementou moitos abrazos, cariño e camaradería. Uns valores complicados de atopar».

Por outra banda, ao longo das intervencións tamén se lle desexou unha pronta recuperación a Goretti Sanmartín, quen se implicou persoalmente na publicación deste libro. A coordinadora executiva do BNG tiña prevista unha intervención que finalmente non tivo lugar debido á súa hospitalización nas horas previas ao acontecemento.

Poucos minutos antes de dar as 22.00 horas, o acto finalizaba e os asistentes levantábanse das súas cadeiras marchando cos relatos do escritor na man e o recordo que este deixou, no corazón.