«A venta de fouciños xa prevé o declive do agro»

BETANZOS

José Cabo, dende Riotorto fai unha chea de quilómetros para acudir ás feiras de Betanzos e Curtis

26 ago 2019 . Actualizado a las 19:50 h.

Aos que visitan con certa frecuencia as feiras de Betanzos e Curtis tenlles que soar ese rostro con cellas bicolores ben poboadas e unha face curtida polos anos. José Cabo Acebrás (Riotorto, 1949) non é da bisbarra, senón da provincia de Lugo, pero achegámolo aquí porque pouco a pouco estase facendo de Betanzos e de Curtis, lugares que visita un mínimo de dúas veces ao mes, en cada feira (en novembro fai unha excepción e pasa tres veces por Betanzos). Aquí instala o seu posto de venta de ferramentas e fouces que fai coas súas mans. Estamos falando cun ferreiro nacido, ollo, nunha aldea que se chama Ferreira Vella.

-Ferreiro si, pero cal é a especialidade?

-Fago fouciños de todos os tipos, do monte, para rozar toxos, e fouces con mango. E tamén traballo a coitelería, fago coitelos grandes para a matanza.

-Como van os tempos, moitos xa non serán, hai outros métodos para que o porco pase a mellor vida.

-É certo, agora xa non matan así. Pero sígoos facendo, sabes por que? Porque algúns incluso os usan para cortar o xamón. Home, non é moi fino, pero corta moi ben.

-Pois así segue a ter un vínculo porcino.

-Claro, se non é matar e para comer. Ao final todo xira arredor do animal.

-Acode a moitas feiras, supoño.

-Pois non, só a dúas, ás de Betanzos (1 e 16 de cada mes) e ás dúas de Curtis (9 e 23). Non vou a máis, empecei nas feiras haberá 20 anos. Facíalle fouciños a un que vendía en Betanzos e era de Guitiriz, e xubilouse, e díxome «Queda, home, que se fai caixa».

-E faise caixa?

-Daquela si, facíase dabondo, agora menos, pero algo se fai. De momento compensa. E como son o único ferreiro que vai, pois só me compran a min, aínda que hai revendedores que, por certo, tamén me mercan a min.

-Terá outros que lle compren, de catro feiras non vive o ferreiro.

-Hai unha ferretería en Ourense que xa vai pola terceira xeración, Salgado se chama, e séguenme mercando. Pero claro, nos tempos do meu pai vendíalle 3.000 fouciños ao ano, pero agora...

-Entón a produción de fouciños é un síntoma de que o mundo do agro vai cara abaixo...

-Morren os vellos, e os novos non queren. Eramos trinta ferreiros, e agora quedamos tres ou catro. En Riotorto celebramos a feira dos ferreiros, pero algún día, de seguir así, deixará de facerse.

-Ten quen lle siga?

-Teño dúas fillas, xa estudadas en Lugo. Unha é profesora e outra traballa en varias empresas. Así que ferreiras non as vexo.

-Pero a súa vida laboral non comezou dándolle ao ferro.

-Fun emigrante aos 14 anos, a Francia, a Paux, pero dise Pó. Traballei na construción durante un ano e medio e despois volvín, nin pedín conta nin nada, estaban os meus país sos e considerei oportuno quedarme a axudar. O dos fouciños empezou a subir nos anos cincuenta e xa quedei traballando nisto. E ate hoxe.

-Por moitos anos.

-Os que me queden.