Unha sinalización náutica para Betanzos

BETANZOS

C. delgado

Varias entidades da zona organizan unha travesía náutica mañá, dende o porto brigantino ata O Pedrido, para reivindicar unha navegación segura tras anos padecendo unhas balizas que leva as embarcacións a quedar varadas

19 jul 2019 . Actualizado a las 17:54 h.

Entrar no porto de Betanzos precisa guía, as balizas náuticas non garanten que se acceda a canal de paso e os riscos de tocar os fondos ou de perder o temón non son poucos. Dende hai anos levan os navegantes reclamando unha sinalización correcta para acceder polo río a unha cidade que sempre presumiu de porto e que é a que conserva máis embarcacións tradicionais nas súas ribeiras de toda a bisbarra. Por ter, ata o Concello conta cunha embarcación en funcionamento como parte dos seus bens, unha singularidade en toda a ría.

 

Para dar a coñecer esa demanda e poñer en valor o porto brigantino está convocada unha travesía náutica de Betanzos ao Pedrido para mañá, 20 de xullo, con saída as 17.00 horas do porto. Farase baixo o lema «Betanzos, porto centenario, por unha navegación segura», na que se sinala como proxectos conseguir que se volva a recolocar o balizamento e que se consiga o dragado da canle e un bo mantemento das infraestruturas náuticas.

 

Convocatoria aberta

Ao fronte da proposta están as asociacións Porta da Vila, Amigos de los Ríos de Betanzos, o Club Ría de Betanzos - Piragüismo, e a Asociación Cultural Recreativa e Deportiva Ría do Pedrido, que animan aos que teñan lancha ou barco a participar nesta primeira ruta reivindicativa. Dende estas entidades recoñecen os riscos que corren os navegantes cando queren acceder ou marchar do porto, sendo máis dun o que queda varado á espera da suba da marea ou que precisa remolque doutra barco tras seguir as indicacións existentes. Son esas cuestións as que desaniman a moitos navegantes a ascender a Betanzos e para algúns empresarios e veciños iso supón dar as costas a un dos principais atractivos que ten o concello. Hai incluso quen chegou a pedir un peirao para turistas, para que puideran atracar e coñecer a cidade por unhas horas, pero para iso é preciso que estea garantido que podan chegar con tranquilidade.