Palmeira homenaxea a Plácido Betanzos

La Voz

BETANZOS

cedida

O Concello bautizará o paseo marítimo co nome do profesor e escritor, do que se lerán algúns dos seus traballos

29 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A poucos días de que se cumpra o primeiro aniversario da morte de Plácido Betanzos, o Concello de Ribeira quere lembrar a figura e traxectoria deste político, escritor e docente que a partir de agora dará nome ao paseo marítimo de Palmeira, parroquia onde naceu e viviu. A finais do pasado mes de febreiro, a corporación ribeirense xa dera o visto bo a este nomeamento, que por fin se fará efectivo este domingo.

O acto institucional comezará sobre las 12.30 horas, na zona do paseo infantil, onde haberá unha actuación a cargo do grupo de música tradicional Andavía. Ademais, aproveitarase para ler varios extractos de cada un dos libros publicados por Plácido Betanzos, e aos que lle darán voz Pura Villar, Xesús Laíño e Antonio Piñeiro.

A continuación, e antes de descubrir a placa conmemorativa, tomará a palabra Carmen García, voceira da Comisión de Homenaxe a Plácido Betanzos, que lembrará toda a traxectoria do homenaxeado e os motivos polos que se gañou o afecto e admiración dos seus veciños.

Familia

Tamén están invitados a participar no acto os familiares de Betanzos, encabezados pola súa filla Sofía, que tamén collerá o micro para falar do seu pai desde un plano máis persoal. Por último, intervirá o alcalde en funcións de Ribeira, Manuel Ruiz Rivas, que compartiu con el moitos anos na vida política da capital barbanzana, xa que Betanzos foi voceiro do BNG do 1992 ao 2002 e candidato á alcaldía no 1995 e 1999.

Non faltarán a esta homenaxe alumnos e profesores dos distintos centros educativos nos que impartiu clase Plácidos Betanzos, que estivo como mestre primeiro no Instituto Social da Marina, para logo traballar varios anos no IES A Sangriña da Guarda, e logo retornar a Ribeira, onde estuvo no CIFP Coroso e nos últimos años no Leliadoura.

Ademais, Betanzos tivo unha prolífica carreira literaria na que acadou varios recoñecementos con algúns dos seus traballos, unha faceta á que sumou tamén as súas numerosas colaboracións en prensa.