Os alumnos do Leliadoura organizan a primeira das actividades benéficas

La Voz

BETANZOS

04 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha das cuestións que se puxo en valor durante a presentación da recentemente constituída comisión para homenaxear a Plácido Betanzos foi a súa faceta como docente e o calado que deixou nos seus alumnos, un pouso que se pon de manifesto no feito de que son os estudantes que no seu día pasaron pola aula de Betanzos os encargados de organizar a primeira das actividades benéficas destinadas a recadar fondos para a gran homenaxe ao seu mestre.

Será este mesmo sábado, cun partido solidario que terá como escenario o campo da Tasca, en Aguiño, a partir das sete da tarde. Os alumnos de segundo de bacharelato do instituto Leliadoura son os responsables desta primeira iniciativa á que, esperan, seguirán moitas outras. Para o encontro do sábado, que xa están promocionando entre os seus compañeiros, estableceron unha entrada simbólica de dous euros. O importe íntegro da recadación irá destinado a sufragar a escultura que a comisión prevé instalar en Palmeira. Nos vindeiros meses daranse a coñecer novas propostas similares.