O retorno dos señores feudais do seu exilio en Castela e Portugal

Por Xosé Alfeirán

BETANZOS

M. MARRAS

Despois de derrotar aos irmandiños, os Andrade volveron a dominar As Mariñas no ano 1589

07 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Tres anos sen señores. Na Europa de finais do século XV a situación era insólita. En 1467 o levantamento en todo o reino de Galicia da xente do común suscitou a formación das milicias irmandiñas, o asalto e derrubo da meirande parte das torres nobiliarias e a fuxida dos señores. Neses tres anos, unha Xunta do Reino, creada polos irmandiños, gobernou e administrou xustiza en nome de El-rei.

Sen embargo, no seu exilio en Portugal e Castela, os señores feudais galegos deixaron de lado os seus enfrontamentos e coordinaron os seus esforzos para volver. Na primavera de 1469 tres mesnadas señoriais, formadas por mercenarios, entraron en Galicia. Á fronte ían Pedro Madruga desde Portugal, o arcebispo Fonseca e Juan Pimentel, irmán do conde de Benavente, desde Salamanca, e o conde de Lemos e o mariscal Pardo de Cela desde Ponferrada. En sucesivos enfrontamentos a campo aberto, os señores derrotaron aos irmandiños e foron recuperando os seus dominios, prolongándose a guerra ata 1472.

Non o tiveron fácil na Terra das Mariñas. Fernán Pérez de Andrade, o Mozo, e Gómez Pérez das Mariñas, agora aliados, atopáronse coa forte rebeldía dos seus vasalos. A Coruña e Betanzos eran cidades do rei e contaban con boas murallas para resistir. Ademais, o malestar contra os señores tiña fondas raíces populares e aquí xurdiran algúns dos grandes líderes irmandiños, como o notario betanceiro Xoán Branco.

E Pontedeume, a vila amurallada dos Andrade, estaba controlada polo fidalgo Alonso de Lanzós, capitán irmandiño e inimigo acérrimo dos Andrade. O enfrontamento que abriu paso ao retorno dos señores ás Mariñas aconteceu no Castro de Gundián na Ponte Ulla (Vedra). Aquí Alonso de Lanzós foi cercado, logrando fuxir pola noite, pero sería apresado máis adiante. Ao mesmo tempo as tropas que acudían no seu auxilio ao mando do fidalgo Diego de Lemos pactaron e abandonaron a loita.

Vencedores, os señores tentaron volver a reconstruír as fortalezas derrubadas. Sen embargo non o puideron facer na maioría dos casos pola resistencia dos seus vasalos. Rodrigo Ares, veciño de Santa María de Vilachá (Monfero) lembraba no preito Tabera-Fonseca que Diego de Andrade só puido refacer a torre de Naraío (San Sadurniño) e o castelo de Andrade (Nogueirosa-Pontedeume) e que «las fiziera llebantar a su costa eçepto que fazia a sus vasallos que serbiesen en ellas». Forzaba aos seus vasalos a traballos gratuítos ou serventías, sobre todo no transporte das pedras, pero pagaba aos oficiais que as labraban. Tamén sabemos que o castigo por non ir era a morte na forca. Así o fixo Diego de Andrade, fillo de Pérez de Andrade, cun dos seus vasalos «que fuera alcalde de la hermandad e no quisiera yr a la serbintia de una de sus fortalezas». O mesmo sucedeu no resto de Galicia. Pero os nobres necesitaban ao seus vasalos e non podían aforcar nos carballos a todos os irmandiños, como suxeriu o malvado mariscal Pardo de Cela, xa que como lle dixo o conde Lemos “no se abia de mantener de los carballos”. Así, a pesar da súa derrota, os irmandiños lograron un dos seus obxectivos: Galicia sen castelos, ou case.

Historias con historia

«A Coruña e Betanzos eran cidades do rei e tiñan boas murallas para resistir»

«A pesar da derrota, os irmandiños lograron un dos seus obxetivos: Galicia sin castelos, ou case»

«Do malestar contra os señores xurdirán líderes como o notario betanceiro Xoán Branco»