«Somos un país de mil anos onde investir en educación é algo novo»

Toni Silva BETANZOS / LA VOZ

BETANZOS

CÉsar Delgado

Aproveitou a viaxe aos Premios Princesa de Asturias para achegarse ao seu vello instituto de Betanzos

25 oct 2016 . Actualizado a las 12:06 h.

Hai 25 anos deixou o seu instituto, o Francisco Aguiar de Betanzos, ao que onte volveu para animar a un grupo de rapaces ante as incógnitas universitarias e laborais que teñen por diante. Óscar Loureda (Abegondo, 1974) ocupa o posto de vicerreitor de Calidade na universidade xermana de Heidelberg e acaba de estar en Oviedo con motivo dos premios Princesa de Asturias, nos que forma parte do xurado que lle outorgou o galardón de Ciencias Sociais á historiadora Mary Beard.

-Algo terá que ver un vicerreitor de Calidade para que a Universidade de Heidelberg se sitúe no posto 47 do mundo. ¿É vostede o culpable?

-Son só corresponsable, non o único. A de Heidelberg é a universidade máis vella de Alemaña e o seu principal patrimonio son os profesores e os alumnos, o palleiro non se fai sen palla. O que intentamos é que a nosa investigación chegue a máis xente.

-En Alemaña ten un peso especial a figura do profesor.

-Certo, alí o profesor é a célula sobre a que pivota o resto. Ao redor do catedrático se crea un equipo. Mentres, en España esa célula é o departamento, un colectivo que ten un peso máis ben organizativo. En Alemaña dáselle máis peso ao individuo.

-Pero no mesmo listado internacional hai que ir ao posto 175 para ver a primeira universidade española, a de Barcelona.

-En España a xente non é menos que noutros países, pero hai que ver de onde vimos. Somos un país de mil anos pero no que estruturalmente a inversión en educación é relativamente nova, así que somos un país en construción dende o punto de vista do cativo. A educación debería saír do debate de partidos e entrar no debate político.

-Pois xa levamos décadas...

-Hai cousas que requiren consensos amplos entre os partidos políticos, pero tamén coa implicación da sociedade civil, co vínculo das empresas na universidade... Por dar un dato, no 2013 as universidades de Alemaña xeraron o 18 % da produción en investigación de todo o país, ao redor de 18.000 millóns de euros. Iso é riqueza.

-Ao fío da polémica cancelación da conferencia de Felipe González na Universidade Autónoma, ¿considera que debería ter loitado a institución por que esa conferencia se levara a cabo?

-Ao longo da historia, sempre houbo conflitos sociais que se trasladaron á universidade pero esta nunca se debe transformar nun espazo de intolerancia, ten que ter mecanismos propios para se converter nun foro de liberdade. Que a alguén se lle prohiba a palabra é un acto profundamente antidemocrático dentro da universidade.

-¿O de Mary Beard é un premio á divulgación, ao feito de que o coñecemento non é realmente tal se non se transmite?

-Foi un premio ao esforzo individual e exemplar dunha científica que fixo todo o posible por chegar a máis xente nun ámbito no que non é fácil, ela o fixo de maneira exemplar. O coñecemento non basta con crealo, senón que hai que comunicalo, a esa xente hai que premiala. O mérito dela non é saber máis do mundo romano que outros, porque igual hai outros que saben máis, senón saber comunicalo. Tamén ten un talento sen parangón ao aproximar o mundo clásico ao actual.