Betanzos rende homenaxe ao poeta García-Bodaño

HÉCTOR J. PORTO REDACCIÓN / LA VOZ

BETANZOS

SANDRA ALONSO

A librería Biblos lembra mañá co escritor o seu trunfo nos xogos florais brigantinos de 1971, dedicados a Rosalía

11 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

«Xa fixen os 81 anos, e aínda me custa crelo» [ri]. E iso que é poeta, que é oficio no que o paso do tempo é asunto referencial. Salvador García-Bodaño (Vigo, 1935) recibe mañá ás 20 horas unha homenaxe en Betanzos, na librería Biblos, que dirixe o escritor Tucho Calvo, e na que lembrarán -con motivo de que se cumpren 45 anos- como gañou os xogos florais brigantinos de 1971, naquela edición dedicados a Rosalía de Castro, co poema Cántico pra túa soedade que se ergue coma unha bandeira. Un título, anota o autor, que na súa parte final causou incomodidade en certos prebostes, algo que aínda agora celebra. «Non eran fáciles aqueles tempos. Houbo momentos terribles. A miña infancia foi un pouco sinistra. E no instituto dicías unha palabra en galego e arriscábaste a un castigo. Todo eran obstáculos, o idioma estaba sometido. Por iso aqueles encontros poéticos, os xogos florais ou os minervais tiñan tanta importancia para nós».

García-Bodaño enxalza o valor emotivo e de iniciación daqueles concursos, que lle serviron á súa xeración como toma de contacto, de coñecemento e de intercambio, para ver que había outros que pensaban de forma similar e tamén para trabar unha certa amizade. «De aí moitos foron caendo cara a defensa do idioma, da cultura. Empezamos a vivir Galicia como unha unidade, máis aló das catro provincias, asistiamos a un sentido de país en construción, a unha afirmación paulatina sen necesidade de moito ruído». O poeta ve neste tempo o xermolo da situación de normalidade na que hoxe se move a sociedade galega, e iso o «pon contento», que se poda falar da cultura galega, da lingua, e que a xente mostre interese por elas.

En Betanzos xa gañara os xogos florais de 1960, nos que era mantedor Álvaro Cunqueiro. «Aquela si foi a miña verdadeira porta de entrada ao mundo da creación literaria -recorda-. Moitos de nós empezamos a coñecernos nestes encontros poéticos». Así ocorreu con Manuel María, co que coincidía en algúns concursos, «unhas veces era el quen levaba o primeiro premio, outras eu». En 1971, o escritor chairego mereceu no certame brigantino o segundo posto, dotado con 8.000 pesetas; García-Bodaño recibiu 25.000 pola vitoria. O poeta ri cando se lle anota este particular anecdótico que esquecera. «Sorpréndeme, pois daquela 25.000 eran moitos cartos, pero a dotación económica dos premios é algo importante para axudar ao poeta no seu labor», afirma.