«A Costa da Morte non tería a súa maxia sen os escritores»

O autor presenta hoxe en Betanzos o seu libro de relatos «Moraime, pequena vila con mar»

Rivadulla Corcón asinará libros esta tarde na librería Biblos de Betanzos
Rivadulla Corcón asinará libros esta tarde na librería Biblos de Betanzos

Xosé Henrique Rivadulla Corcón (Muxía, 1962) é todo poesía. Canda fala -poñamos nunha conversa de rúa- os seus xiros e frases arrecenden a versos e nostalxia. Ate os apelidos, Rivadulla Corcón, aportan musicalidade. Na súa literatura a Costa da Morte é o centro do mundo. Do seu mundo. Esta tarde ás oito presenta na libraría Biblos de Betanzos o seu libro de relatos Moraime, pequena vila do mar (Edicións Positivas, 10 euros). Moraime, como non, ese curruncho de Muxía.

-¿Por que Moraime?

-De Moraime o único que ten é o título. A vila da que falo é un lugar ficticio. Ao buscar o nome veume este nome porque eu son de Muxía, e Moraime é un lugar emblemático para min, unha referencia na miña vida. Alí íamos de cativos a entrar nos hortas, coller o millo para asalo... é un sitio mítico e moi especial.

-O libro é un de orixe radiofónica.

-Durante dous anos lía a diario un relato nun programa da Radio Galega que dirixía Mari Pereira. Apenas duraban dous minutos na lectura. Así que me fixen cun feixe de contos que recollo nesta obra.

-¿Pero teñen un fío común?

-Son contos que comezan e rematan en si mesmos. Pero lidos todos seguidos teñen un aquel de novela. Aos personaxes dos contos lles puxen nomes de amigos. Pero ollo, non son eles, nin sequera as súas personalidades. Só os nomes.

-Igual que Moraime.

-Igual que Moraime. Só ten o nome, é unha vila ficticia. A taberna é o escenario central e o taberneiro chámase Souto en homenaxe ao meu amigo Xurxo Souto. Outros casos, Ramón Soneira, Xavier Baxeiras, Isidoro Xan Novo... todos eles amigos meus que asoman en Moraime.

-Narrativa con prosa poética, como os textos do programa televisivo «Salitre». A poesía por riba de todo.

-Escribo poesía e narrativa, e especialmente literatura infantil. Pero si, a poesía é o meu xénero favorito.

-E sempre coa Costa da Morte de pano de fondo. ¿Sería vostede hoxe un escritor se non existise a Costa da Morte?

-Penso que non. A miña orixe literaria parte claramente de Muxía. Hai un feito moi concreto que me marca como escritor. En 1975, cando tiña 13 anos, descubrín a Rosalía de Castro dun xeito consciente a través da música de Amancio Prada. E foi a través dun mariñeiro, Alejandro O Fundador, que trouxo unha casete ao grupo de amigos, lamentablemente el xa non está. Así empezou a miña necesidade de escribir. ¿Pero sabes que?

-Diga.

-Aínda que é certo que moitos escritores e artistas non o serían sen a Costa da Morte, a Costa da Morte non sería o que é sen os artistas. A través desa literatura, e tamén escultura e pintura, esta zona non tería esa maxia tan especial sen os escritores e demais artistas. Para min en Galicia iso acontece con outras dúas zonas como son a Terra Cha e o Courel.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de A Coruña

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos

«A Costa da Morte non tería a súa maxia sen os escritores»