«Nunca tratamos un caso similar a intoxicación mortal pola "Oenanthe crocata"»

D. Vázquez A CORUÑA / LA VOZ

BERGONDO

Fernando Toba, médico de urxencias no Chuac, sobre o caso da morte en Bergondo
Fernando Toba, médico de urxencias no Chuac, sobre o caso da morte en Bergondo

Fernando Toba, médico de urxencias no Chuac, di que o maior risco das intoxicacións alimentarias é en nenos e maiores

12 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Urxencias é a unidade que atende primeiro as intoxicacións alimentarias, un perigo que volveu á actualidade coa morte dun veciño de Bergondo de 37 anos e natural de Colombia que inxeriu o coñecido como o nabo do demo, Oenanthe crocata. Fernando Toba, adxunto de Urxencias do Chuac, afirma que nin el nin os seus compañeiros atenderan nunca a ninguén por un caso semellante.

—Déranse máis casos pola inxesta da «Oenanthe crocata» que matou ao veciño de Bergondo?

—Nin eu nin os meus compañeiros tratamos un caso similar. Coñécese o que provoca o estramonio dende a Idade Media e é frecuente velo por Galicia. O que si vemos son intoxicacións por setas en outono, moita xente vai recollelas sen ter coñecemento. Tamén vemos pacientes que veñen polo consumo de dixital, un principio activo que é para a insuficiencia cardíaca e en doses altas provoca bloqueo do corazón e que se pode atopar nalgúns produtos de herboristería.

—Que cre que pasou no caso do veciño de Guísamo?

—Puido confundilo cun tubérculo do seu país. Coas plantas hai que ter moito coidado.

—Hai unha alta mortalidade en intoxicacións alimentarias?

—Non é frecuente, aínda que hai que ser coidadoso con problemas de deshidratación que poden dar coa xente encamada debido á diarrea, porque se chega a haber afectación neurolóxica, pode provocar o coma ou a morte. Son máis frecuentes polo verán, debido ao salmonela, por alimentos en mal estado, como ovo ou maionesa por quedar fóra da neveira, ou por consumo de marisco cru con marea vermella.

—En quen é máis perigoso?

—Nas idades extremas da vida, en nenos ou adultos, porque se deshidratan moi facilmente. Tamén nas embarazadas e inmunodeprimidos. Todas producen náuseas, vómitos, dor abdominal, diarrea... Pero con eses síntomas habería que acudir ao servizo de urxencias cando aparece unha febre elevada que non retroceda con antitérmica, ou se acompañe con sangue nas deposicións con moco ou pus, ou con síntomas de deshidratación como alteración neurolóxica, baixo nivel de conciencia ou confusión.

—Cabería un lavado de estómago para este tipo de intoxicacións?

—Non, sería máis para una intoxicación por un medicamento. Para as alimentarias, o normal é que se elimine por vómitos ou diarrea.

—Cales son as recomendacións para evitar este tipo de casos?

—Un correcto lavado de mans, cociñar ben a comida ou refrixerala cando é perecedoira, e evitar, se hai marea vermella, consumir marisco. A froita e a verdura fresca lavalas cunha gota de hipoclorito de sodio. O que nos dixeron sempre os nosos país: usar o sentido común, se ten mala pinta tíralo, desbotalo.