Juan Fariña: «Os veciños felicítanme pola decisión»

c. d. BERGONDO / LA VOZ

BERGONDO

O edil abandonou Anova xunto a Eloy Babío e agora forman parte de Alternativa dos Veciños

12 oct 2018 . Actualizado a las 11:46 h.

Juan Fariña, primeiro tenente de alcalde de Bergondo e concelleiro de Infraestruturas, Urbanismo e Medio Ambiente, afronta unha nova etapa política tras a súa saída de Anova, formación que decidiu abandonar hai unhas semanas xunto ao seu compañeiro e concelleiro de Servizos Municipais, Eloy Babío.

-Como foi a súa saída de Anova?

-Foi unha decisión tomada polas discrepancias que tiñamos coa postura dunha asemblea que eu reitero que está intervida polo portavoz nacional da formación. Non temos idea de se nos ían expulsar ou non da agrupación, pero o certo é que inmediatamente nós comunicamos que nos retirabamos.

-O principal punto de desacordo entre Eloy Babío mais vostede coa dirección da agrupación foi o denominado pelotazo urbanístico?

-Nós estamos de acordo en que se leve a cabo o proxecto con tódalas determinacións e matices que se consideren. Que falen de pelotazo urbanístico é reducir a cuestión ao absurdo e falar en base a prexuízos. Incluso me temo que algúns o que queren é saldar vellas contas de anos pasados.

-Nese proxecto vostede posicionouse do lado da alcaldesa, Alejandra Pérez, e non da súa xa exformación política.

-Non é estar do lado de Alejandra, que é do que nos acusan. Se estiveramos en desacordo con ela habería unha crise de goberno, pero non o estamos, senón que apostamos por que a iniciativa saia adiante e facémolo porque temos criterio propio e pensamos que é o mellor para Bergondo. Queremos desenvolver unha zona central para o Concello coa construción de vivendas en San Cibre e estamos no noso dereito.

-Como reaccionaron os veciños ante a súa marcha de Anova?

-Os veciños páranme pola rúa, danme as grazas e felicítanme pola decisión e por poñer diante dos intereses do partido os intereses de Bergondo. Que os políticos rachen coas disciplinas de partido é algo ao que a xente non está acostumada.

-O mércores mantiveron unha reunión co alcalde de Oleiros e presidente de Alternativa dos Veciños, Ángel García Seoane, para formalizar a súa integración no partido. Como xurdiu a proposta?

-Eu teño unha amizade persoal, con Gelo, entón é certo que eu lle comentei o problema que me estaba xerando no partido a miña postura sobre o proxecto urbanístico, polo que lle levei a proposta para que me dera a súa opinión. El comentoume que non lle vía ningún problema, nin nada que xustifique as acusacións tan graves que se están facendo dende Anova, xa que considera que defende os intereses de Bergondo. A partir de aí e trala nosa decisión de marchar de Anova xurdiu a proposta de integrarnos en Alternativa.

-Que é o mais urxente actualmente para Bergondo?

-Sacar adiante o plan xeral, xa que é un instrumento fundamental para Bergondo e para todos os Concellos. Estamos traballando en varios documentos que queremos incorporar no PXOM, mais alá do que haxa que corrixir tras recibir os informes da Xunta.