«Eu planto máis de 200 variedades de tomate»

BERGONDO

01 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Begoña Pena (Bergondo, 1983) é a organizadora da primeira Mostra de Tomates Autóctonos e Outras Variedades que se levará a cabo hoxe, a partir das 17.00 horas no restaurante A Cabana (Fiobre), e que se fai co respaldo do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo e a Reserva de Biosfera. Faino tras levar cultivando profesionalmente produto de horta e pequeno froito durante tres anos na plantación Olor y Sabor, en Casal, aínda que recoñece que leva media vida buscando sementes de tomates por todo o mundo.

-Cal é a súa produción?

-Eu agora teño, non vou dicir nomes senón franxas de cores, dende o negro, ao violeta, vermello, rosa, laranxa, amarelo, case branco e verde, todo en maduro. Cando a xente os ve, pregúntame se son de verdade ou transxénicos, e cando os proban xa non che piden unha variedade, senón un mix.

-Todo é galego?

-Teño tomate autóctono, desde o Negro de Santiago, a Avoa de Osedo ou Taller de Lubre, e outras variedades. Planto máis de 200 variedades de tomate, uns van para diante e outros non, pero sementadas hai máis de 200. Os autóctonos son os principais e os que poño en valor, pero planto outros para que a xente os coñeza e vexan que hai máis que vermello, rosado e negro. Aínda que todos saben a tomate, os amarelos e verdes, por exemplo, teñen un toque máis afroitado, e hai un amarelo que ten un toque a piña. Abrímoslle a mente á xente.

-A súa produción é toda de Bergondo?

-Si. Eu teño pouco espazo e non podo competir en cantidade, téñoo que facer en diferenciación, noutro tipo de calidade.

-Hai mercado para o tomate?

-Si, aínda que é o grande descoñecido. Hai moita xente que xa non sabe a que sabe o tomate da avoa, o acabado de coller, e cando proban un tomate de verdade xa é o único que piden e non lles interesa nada máis.

-Que se vai ver na xornada de hoxe?

-Vanse expoñer 12 variedades de tomate autóctono e enfrontalos con outras variedades que estean maduras, e despois haberá charlas para explicar como se produce o tomate local, que a xente poda preguntar as dúbidas que teña, porque aquí todo o mundo ten unha pequena horta. Explicarase como cultivalos, como sacar as sementes e despois amosareilles a miña produción en sostible. Mentres no restaurante van a preparar varias elaboracións para probar.