Este domingo haberá unha romaría de libros solidarios en favor do Banco de Alimentos Rías Altas
13 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Eu xa fun dar as 11 voltas arredor da Virxe de Pedra en Pastoriza. Non sei ben se son 7, se 9 ou as 11 voltas que dei eu por cumprir co rito de cada ano; creo que tanto ten, o que importa é o que sente cada quen no máis íntimo. Son moitas as persoas de toda a contorna que se achegan estes domingos de outubro ata o santuario de Pastoriza ou suben ata a Virxe de Pedra, no alto do outeiro coa Coruña embaixo, ao lonxe. A Virxe, sen coroa (roubáronlla, seique), co neno no colo, ten os pregos do manto gastados, coma os pés, de tanta xente que a toca, quer apalpalos, para así sentiren e transmitírenlle eses seus desexos. O tacto da pedra con ese fervor. É «guapa» a nosa Virxe, co nariz erosionado tamén, pero aínda así e todo. Xa o ten dito e escrito Emilia Pardo Bazán.
A romaría de San Miguel en Pastoriza non é a de antano, actualizouse; normal, hai que andar co tempo. Agora a xente achégase ata a igrexa, pasa parte da mañá ou da tarde e vaise. A asociación cultural O Grilo, que traballa todo o ano arreo a prol de Pastoriza, programa actividades todos os domingos —nas que non falta a música— para ofrecer aos veciños/as e visitantes. Este domingo, por exemplo, haberá unha romaría de libros solidarios en favor do Banco de Alimentos Rías Altas; asinan libros Xavier Alcalá (12.00 horas) e outros autores; seguirá a música con Franki en acústico e sesión vermú con Alma Libre. Pola tarde, maxia co mago Deimi e máis oferta, seguro, de ocio que esquezo. E, dende logo, non faltarán os callos na hostalería local. Se gustan, en Pastoriza cada domingo dos que faltan neste outubro.