Documental de Pastoriza

ARTEIXO

XOSE CASTRO

A peza afonda nas raíces do pobo, ese é o seu valor

13 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

«Pastoriza na lembranza» é o título dun documental que se vai proxectar este martes na praza do Santuario de Pastoriza dentro do programa das súas festas patronais do 15 de agosto. Da autoría de Xabier Maceiras e Fran Naveira este documental recolle testemuñas dalgúns veciños e veciñas de Pastoriza «de toda a vida»; pódese dicir que este documental afonda nas raíces do pobo de Pastoriza, ese é o seu valor, grande para todas e todos os que somos de Pastoriza. Valor emotivo e identitario; ambos os dous importantes para mantermos viva a memoria.

Son unhas festas, as de Pastoriza, distintas ás demais. Proba diso é este documental que une ao pobo, moi necesario cando corre o risco de ser só un «lugar-dormitorio» pola proximidade á cidade da Coruña. Non é así, non ha ser así mentres quede «xente de Pastoriza» e outra que chegue -benvida- e se identifique con Pastoriza, súa tamén. Non é o pobo máis fermoso, ata diría que é un chisco mellorable, pero é o noso. Digo que son unhas festas distintas porque Pablo Mariño, incansable, e a xente que traballa con el na comisión —seguro que xente da Asociación O Grilo— tratan de facelas «nosas». Propias. O documental, o festival rock con xente da localidade; as regueifas, os libros e vinilos solidarios, músicos da localidade. Unhas festas humildes, pero —?como digo— nosas. É, ao cabo, o máis importante.