Ramón Tamames: o non saber estar calado

ARTEIXO

Javier Lizón | EFE

17 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai quen sabe morrer a tempo, di un meu amigo, referíndose a persoas destacadas ás que non lles dá tempo de facer tolerías cando a cabeza deixa de rexer.

Na política española, fundamentalmente de bandos, mesmo con periodistas orgánicos, chama sempre a atención que alguén saia das liñas marcadas e monolíticas do partido e procure o acubillo noutro bando (ou banda) para defender as súas ideas, tanto se son colectivas coma individuais. Hai exemplos a esgalla de xente que tivo responsabilidades de goberno e agora anda espallada por programas de televisión dando leccións de moralidade a todo o mundo, sobre todo a aqueles que forman parte do que, no pasado, fora o seu partido. Todo o mundo está no seu dereito ao cambio. Lembro un anarquista cullerdense que, durante a Segunda República, escribía artigos en Solidaridad Obrera, estivera preso por defender as súas ideas e, á saída do cárcere, mesmo o recibiran miles de persoas que o fixeron falar dende o balcón do concello de María Pita. Neste caso só se tiveron que dar as circunstancias da Guerra Civil e o medo, supoño, para que, mentres a outros compañeiros cenetistas lles partían a cabeza a culatazos na praia de Sabón, el pasase de ser o maior revolucionario anarquista a un membro máis da Unión Patriótica conservadora, só por salvar o seu pelello, porque nin tan sequera tiña fillos.

Veño de ler por riba o discurso filtrado de Ramón Tamames para a moción de censura e, sen lle desexar ningún mal, coido que esta deriva estraña coa extrema dereita para participar nese circo mediático o único que fai é enlamar o prestixio que, no pasado, acadara como político, historiador e economista. Unha mágoa, non por non morrer a tempo, senón por non saber estar calado.