
O escritor rememora no seu libro como era o municipio ata os anos 60
02 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.O escritor e historiador Xabier Maceiras acaba de publicar o segundo tomo das súas Crónicas de Arteixo. Recórdanos como era Arteixo ata os anos 60, antes da creación do polígono industrial en Sabón e antes da refinaría de Meicende. E sobre todo, como eran as súas xentes. Unha ledicia ir lembrando aqueles tempos, revivindo días da infancia e de mocidade. O máis importante na vida, co paso do tempo, é o que se lembra. A memoria é o noso «chip» particular. E o que fai Xabier Maceiras con este libro é avivala.
Fala de todas as parroquias de Arteixo e de moitos persoeiros, veciños, daquel tempo. Tantas vivencias. Unhas crónicas que saen do seu blogue de Arteixo. Os castros, o Arteixo do Rexurdimento, aquelas primeiras casas da Baiuca, as primeiras farmacias, as festas do Balneario (quen non bailou nas Flores), as escolas daquel tempo, as tabernas, todo iso que conforma ao cabo un pobo e unha identidade como tal, tan importante nunha localidade dormitorio como é hoxe Arteixo. Os pequenos negocios de antano e tantos homes e mulleres que saíron de Arteixo en tantas ocasións cara a emigración e que se fixeron un nome. Xabier Maceiras, como bo cronista, fálanos de feitos históricos e de pequenos acontecementos locais: as primeiras bicicletas, os cines e os bailes. Un feixe de anécdotas. Unha gozada para lembrarmos. Non é de estrañar o éxito que está a ter.
Arteixo necesitaba un cronista e xa o ten. Manter viva a memoria neste tempo que transcorre a tanta velocidade, tanta présa, de constante transformación, un tempo tan tecnolóxico, semella difícil. De aí a importancia deste libro e de tantos coma este que nos axudan a lembrar e a rescatar a propia infancia. Tempos mozos. Fannos ser dun lugar que existe fóra do móbil, do ordenador ou da tableta. Cada veciño/a de Arteixo vai atopar nesas páxinas as súas propias experiencias. Somos nós mesmos os que estamos nel. E iso faino especial. É como abrir un albume das lembranzas. Saben que o nome de El Gallo de Oro vén dunha ópera de Rimski-Korsakov, que era a preferida dun médico da época moi coñecido en Arteixo, don Manolo? Ou das carreiras polos xulgados que botou un arteixán, Juan Suárez, «Manín», daquela funcionario, cando o afundimento do Prestige; aqueles documentos eran moi importantes. Con este episodio relativamente recente finaliza o libro dando un salto no tempo como algo excepcional. Non podía concluír de mellor xeito. Un agasallo para os arteixáns