A campá do Hebburn loce en Arteixo

xabier maceiras

ARTEIXO

Marcos Míguez

O barco inglés, procedente de Cardiff, naufragou nos Baixos de Baldaio o 5 de outubro do ano 1873

14 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Esta semana, o Concello de Arteixo comunicou que o balneario será público despois de asinar un acordo coa Fundación Amancio Ortega, que doará o edificio para o converter nun equipamento público social-cultural e de carácter interxeneracional para o goce de toda a veciñanza. Non sabemos se a capela, testemuña do pasado máis recente da vila de Arteixo que é propiedade do recinto termal, forma parte do devandito acordo. Oxalá que si... e que se realice unha actuación acorde coa importancia dos seus 200 anos de historia!

Nun penoso estado de ruína e omisión, na actualidade podemos observar como as hedras están a piques de apoderarse xa do campanario do edificio e, se ninguén o impide, en poucas semanas chegarán a campá, a protagonista das Crónicas de Arteixo.

Hai unhas semanas vin, coa claridade dunha tarde soleada, unhas letras e uns números na campá da capela. Saqueille unhas fotos co móbil. Mais pouco ou nada se podía ler polo que, uns días máis tarde, recorrín ao meu amigo Fran Naveira e finalmente identificamos o que había escrito na devandita campá: HEBBURN-HALL 1871.

Descifrado o enigma, a miña sorpresa foi maiúscula xa que sabía que se trataba da campá dun barco do cal deixara unhas pinceladas nos Contos mariños de Carballo, libro que me editou o Concello de Carballo no ano 2017. O amigo Fernando Patricio Cortizo, auténtico erudito do mundo do mar, tamén publicou algunhas informacións sobre este buque no seu libro Naufragios y crónica marítima de Galicia hasta 1899.

O Hebburn-Hall era un moderno navío británico de 846 toneladas que fora construído no ano 1871 pola Palmers Shipbuilding and Iron Company Limited, empresa fundada en 1852 por Charles Mark Palmer e que tiña a súa sede en Jarrow, condado de Durham, no nordés de Inglaterra, e que ademais realizaba operacións en Hebburn e Willington Quay, nas marxes do río Tyne.

O vapor, que tiña unhas medidas de 230,8 x 30,6 x 17,5 pés, era propiedade da Hutchinson & Company, compañía de Newcastle, Inglaterra, que bautizara o buque do que estamos a falar co nome da casa señorial de mediados do século XVII que aínda loce con esplendor en Canning Street, Hebburn. Botado nos estaleiros do Tyne o 20 de febreiro de 1871, o Hebburn-Hall de seguro que xa navegara en máis dunha ocasión polo noso litoral antes de que naufragara o 5 de outubro de 1873 nos Baixos de Baldaio, cando facía travesía con cargamento de carbón dende Cardiff (Gales) ata as instalacións portuarias da cidade italiana de Messina, ao nordeste de Sicilia.

Como chegou ata aí: donativo, compra ou agradecemento

Clarexada a incógnita da procedencia da campá da capela do Balneario, agora só nos falta saber como chegou a Arteixo. Moitos campanarios dos templos galegos, de xeito especial os da Costa da Morte, contan con campás de barcos que se foron a pique nas nosas augas e que chegaron aos seus novos destinos ben por donativos de armadores, por compras ou por agradecemento das tarefas de salvamento, ou ben por agasallos dos chatarreiros da zona, coma as campás de Camelle, Arou, Cee, Santa Cristiña (Berdoias, Vimianzo) ou mesmo unha das que hai no Santuario de Pastoriza que, como xa vos contei nesta bitácora hai máis dun ano, procede do vapor alemán Kurfüst afundido o 5 de maio de 1904 en Sagres, no sur de Portugal.

Naufragado, como dixemos anteriormente, nos Baixos de Baldaio en outubro de 1873, é moi probable que o Hebburn-Hall permanecerá nas profundidades oceánicas desta parte do Atlántico ata que os chatarreiros da zona o retiraran a cachos do lugar no que se fora a pique. Nunhas investigacións de Fernando Patricio Cortizo e un servidor, para a publicación do libro de ambos De Liverpool ás Sisargas; a derradeira travesía do Priam, soubemos que a primeira persoa que andivo á chatarra polo litoral bergantiñán fora Mariano Grela, un home que residía en Malpica e que, dende os primeiros anos do século XX, tiña unha gabarra en propiedade e un buzo en nómina para despezar os buques afundidos entre as illas Sisargas e os Baixos de Baldaio, entre eles probablemente o Hebburn-Hall.

Amizades en Madrid

Grela contaba ademais con algunha amizade de gran peso político en Madrid, como era o caso do deputado conservador coruñés José del Moral Sanjurjo, que en realidade era o seu gran valedor na capital do estado e, do cal puido axudarse para obter licenza da Armada para o despezamento dalgún pecio na zona.

Segundo o testemuño dos malpicáns Ramón Rodríguez Alfeirán e José Blanco Haz, outra das embarcacións que andou ao ferro na zona foi a gabarra de Cachán de Camelle, vila pioneira do despece de buques. A chatarra que extraeu este tal Cachán vendíalla posteriormente a unha gran empresa dedicada ao salvamento e despece de buques da época, a Santa Cruz, que era propiedade da familia materna do prestixioso arqueólogo submarino Miguel San Claudio Santa Cruz, o cal nos concretou que naquela época a empresa tiña algún almacén pola zona de Riazor e na rúa Orillamar, na Coruña, ademais das bases de Camelle, Corcubión e do Barqueiro. Andando no tempo, a Santa Cruz tamén tería instalacións no polígono industrial de Sabón, nunha parcela próxima á ITV ocupada hoxe por Inditex.

Outro dos chatarreiros foi Cañogho de Corcubión, un home que posteriormente, ao igual que unha gran cantidade de galegos da Costa da Morte, emigraría ao Perú a traballar en Chimbote, que a mediados do século XX converteríase no porto con maior produción do planeta.

Cando Cachán de Camelle se retirou, ou estaba a piques de facelo, uns veciños seus empezaban a irromper con forza no sector e tomaríanlle o relevo.

Estamos a falar dos Petrallo, que eran expertos mergulladores que dende o seu balandro José Antonio buscaban botíns nos fondos do litoral de Malpica e Carballo con aqueles incómodos traxes de buzo de máis de 60 quilos, no que só as botas pesaban 20 quilos.

A chatarra, un negocio ao que se dedicaba outra familia de buzos, os Dosil de Lira

Á mesma actividade da chatarra tamén se dedicaba outra experimentada familia de buzos da zona, os Dosil de Lira, que aparecen por este recuncho do Atlántico pola década dos 50 do século XX. Salomé Garrido Alfeirán, veciña do Rañal falecida recentemente (o 14 de febreiro de 2020) que nacera en Malpica en 1930, cando andábamos á procura de datos para a elaboración do libro sobre o naufraxio do vapor Priam, apuntounos que Manolo Dosil andara moceando con súa nai Estrella e tamén nos comentou que os mergulladores Dosil de Lira traballaron durante algún tempo polas Sisargas, onde recolleran una das campás do Priam, e nos Baixos de Baldaio buscando tesouros da «cidade asolagada». Segundo o testemuño de Salomé, os Dosil rescataron unha enorme chave nos propios Baixos de Baldaio que lle entregarían, xunto coa campá do Priam, ao párroco de San Xulián de Malpica, que naquela hora era Santiago Abuelo Alvite, a quen substituiría Benigno Rocamonde Carril, que chegara a Malpica en 1947 procedente de Santo Tomé de Monteagudo.

Puidemos descubrir o que pasara co ferro das Sisargas e dos Baixos de Baldaio: Mariano Grela primeiro, logo Cachán de Camelle, supostamente Cañogho de Corcubión despois e, entre os anos 40 e finais dos 50, os Petrallo de Camelle e os Dosil de Lira, todos eles foron os despezadores de moitos dos buques afundidos na zona, entre eles probablemente, o Hebburn-Hall. Saber como chegou a campá deste buque británico á capela do Balneario de Arteixo é aínda unha incógnita.