«Pensamos facer unha esfolla do millo como se facía antes»

Dolores Vázquez ARTEIXO / LA VOZ

ARTEIXO

Jaime Traba, á dereita, xunto con Primitivo Vázquez e Isidro García
Jaime Traba, á dereita, xunto con Primitivo Vázquez e Isidro García

A Asociación Recreativa Cultural e Deportiva Fontesvellas de Lañas programa para este sábado unha recreación en vivo desta labor do campo

29 nov 2019 . Actualizado a las 08:17 h.

Para a recollida de patacas «xuntamos 40 persoas entre irmás, sobriños e amigos, tivo moito éxito e pensamos por que non facelo para a esfolla». Ese é o arranque da primeira Esfolla Popular, que se celebra nesta parroquia de Arteixo mañá, segundo relata Jaime Traba, presidente da Asociación Recreativa Cultural e Deportiva Fontesvellas de Lañas dende o pasado marzo. «Lañas tira, ten moito tirón», explica este coruñés que intenta activar unha asociación veciñal con 280 socios.

-Lañas era coñecida polo millo?

-Lañas no seu día, como en todas as parroquias do Concello plantábase millo para darlle de comer os animais e facer o pan de broa. Isto medio se perdeu, hoxe ninguén esfolla a man porque xa non se planta moito millo. Eu teño un cuñado, Primitivo Vázquez, o do bar O Cruce, que mantén as tradicións e ocorréusenos recuperala como se facía antigamente, cando para facer o traballo xuntábase a xente para acabar antes. Virá xente do arredor, vimos que hai interese.

-Onde o van facer?

-Nunha leira ao lado da estrada xeral a Carballo, no centro de Lañas, moi visible e cómoda, ten unha beirarrúa alta que permite ver o traballo. Serán uns quince ferrados. O aliciente que ten é, para os máis vellos, recordar o que fixeron na súa mocidade, e o que non o viviu, que o vexa.

-O cartel pon de reclamo comida e chupitos?

-Temos uns traxes de época facilitados por Cultura do Concello, veñen gaiteiros de Trisquel e ofrécese ver o que é un esfollador, un trebello que usaban de distintos materiais e formas para facer o traballo. Fixemos uns 50. Nós temos amontonado o millo, repartirase a xente en grupos de catro e sacarase a espiga da poma, a envoltura. Antigamente a parte de dentro da poma usábase para os xergóns, que eran os colchóns que había antes da la. Ese proceso, a peteleira, facíase a cuberto, pero este ano ao ser o primeiro non o imos a facer. O que se ofrece aos que participen na esfolla, que será de tres a seis da tarde, é o típico que se ofrecía antes auguardente e xerez. Antes dábase pan, pero imos poñer roscas de coco, e ao acabar, unha merenda como daquela, a base de xurelos e sardiñas con patacas, ademais, empanada, lacón asado e despois castañas.

-A idea é pagar coa comida?

- Coma antes, daremos comida aos que traballan. No pasado facíase para comer e nós só o facemos pola tarde porque non sabemos como se pode comportar isto. Imos usar tractores para transportar o millo e tamén un carriño cunha besta pequena por se van nenos para que tamén teñan diversión.

-Vai ser boa festa!

-Isto non é unha festa, é unha homenaxe á tradición e revivir a esfolla o máis parecido ao que era.