«Como Pippi Långstrump fumaba en pipa, tamén a quitamos? Non pode ser»

Por moito que «Carapuchiña Vermella» sexa sexista, nunca o sacaría da biblioteca


a coruña / la voz

Ratiña de biblioteca a moita honra, María Ces sabe como transmitir o amor polos libros aos máis pequenos. Ela coordina unha das bibliotecas escolares máis grandes de Galicia, a do CEIP Ponte dos Brozos (Arteixo), con 10.000 títulos. Neste lugar hai libros prisioneiros para manter a intriga, youtubeiros que recomendan novelas e bibliomakers que fan cousas en 3D. Ademais, se levas posto o «brocicolgante» adquires un superpoder para un mellor lector chegar a ser.

-Hai que sacar a «Carapuchiña Vermella» do estante por sexista?

-Teño clarísimo que non. Hai que confiar nos nenos. Eles entenden que esas lecturas corresponden a outra época e a outra escala de valores.

-Non hai nin que explicalo.

-É que, senón, ata onde chegamos? Quitamos todo? Sacamos os clásicos da literatura española? Porque o Lazarillo de Tormes non pode ser máis politicamente incorrecto. Pero sabes que pertence a outra época e hai que poñelo no seu contexto.

-Non sería mellor tirar polas adaptacións dos clásicos?

-Hai coleccións como Érase dúas veces que reformulan os clásicos e poden ser unha forma de complementar o que estás lendo. Eu por nada do mundo sacaría aos irmáns Grimm nin a Andersen das bibliotecas escolares. Eses contos forman parte da tradición oral de Europa. Imaxínese se non! Porque lémbrolle que Pippi Långstrump fumaba.

-Pero era máis forte que os rapaces. Queda compensado.

-Xa, pero como fumaba en pipa, tamén a eliminamos? Non pode ser! Porque Pippi é un clásico, reeditado por Kalandraka, e que lles encanta aos nenos.

-Que son as bibliotecas se xa non poder ser só bibliotecas?

-Estamos nun proceso de cambio. A biblioteca xa non é só custodio de libros, é moito máis ca iso.

-Moitas bibliotecas fan obradoiros, contacontos, mochilas viaxeiras e maletas poetas que van ás casas para que os pais escriban unha poesía cos nenos. Pero vostedes, ademais, teñen ata unha impresora en 3D!

-É un camiño moi interesante que comezou coa chegada dos escornabots (uns pequenos robots) da impresión en 3D, pero sobre todo, coas persoas que nos van abrindo portas, como os makers da Domus, cos que fixemos un curso de Puntos Makers, ou Paola Guimeráns, que nos presentou o mundo dos e-téxtiles... Son persoas que nos enriquecen.

-E iso que ten que ver cos libros?

-Se se mira ás principais bibliotecas de Europa ese é o camiño que levan. Intentamos crear espazos creativos de aprendizaxe. Non podemos ser a biblioteca de El nombre de la rosa, gardando libros que só algúns poden ler. Temos que ser algo máis.

-O concepto amplíase totalmente. Por iso fan vídeos nos que recomendan libros?

-Si, son os nosos bibliotubers.

-Coma se fosen Wismichu, pero falando de literatura.

-Eles coñecen a tódolos youtubeiros do mundo e facer isto permite que se enfronten a moitos medos.

-E logo está Brociños.

-A nosa mascota. É un pequeno mouchiño que vive na fraga de Sisalde. Temos casos documentados de nenos que o teñen visto na fraga. [Sorriso capcioso].

-Como facemos con eses nenos lectores que deixan a lectura?

-Eu confío en sementar...

«Os libros máis gastados da nosa biblioteca son os de Harry Potter»

Coruñesa de Monte Alto, o lugar onde a filóloga e mestra María Ces se sente máis cómoda é na biblioteca do CEIP Ponte dos Brozos, en Arteixo.

-Cal é o libro máis gastado da súa biblioteca?

-As coleccións de Harry Potter, Futbolísimos e Crazy Haacks, que están moi de moda. Pero están apoiados por unha mercadotecnia potente e interesa que os nenos cheguen a outros libros que tamén funcionan fantasticamente.

-Pois cíteme algún que sexa capaz de gustarlles tanto.

-Prohibido leer a Lewis Carroll ou Palabras de caramelo. Son libros aos que os rapaces non chegan por si sós. E hai que levalos.

-E cando os levan a eles, engánchanse?

-Si, porque é boa literatura.

-Pois dígame máis!

-Nena e mar ou O poder de Amabel, de Érica Esmorís, e calquera de Agustín Fernández Paz. A Ledicia Costas xa chegan eles, pero aos demais tes que guialos, porque é literatura da boa. Un dos que máis éxito está tendo este ano é Volverás golfiño, de Andrea Maceiras. Están hiperenganchados.

-Hai un libro que sempre funcione?

-Non hai un libro perfecto que funcione con todos os lectores, pero si temos unha serie de libros talismán. E sería unha longa listaxe: La verdadera historia de la mosca de la tele, Feliz Feroz, Marcopola, a poesía de Mar Benegas, todo Roald Dahl, Contos por palabras, Pippi Mediaslongas, Apestoso tío Muffin... É unha lista moi longa. O cómic é tamén sempre unha boa alternativa para os que teñen medo a moitas páxinas.

-Si, pero vostedes iso resólveno co «brocicolgante».

-Si, dá un superpoder para ler. E temos o programa dos imprescindibles para conquistar aos que nunca veñen á biblioteca.

-Con tanta diversión, irán todos.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de A Coruña

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Como Pippi Långstrump fumaba en pipa, tamén a quitamos? Non pode ser»