Bieito Romero: «Queremos que veña a familia enteira a gozar da fraga»

O Festival de Sisalde celebra a súa segunda edición este sábado, con música dende o mediodía ata a medianoite


Este sábado terá lugar en Arteixo a segunda edición do Festival Folk Río Sisalde, unha iniciativa nacida da man de Bieito Romero, de Luar na Lubre, grupo que pechará o encontro cun concerto.

-Segunda edición, o que significa que a primeira funcionou.

-Pois si que nos sorprendeu moitísimo a cantidade de xente que veu o ano pasado. E non só iso, senón que todos entenderon perfectamente o espírito deste festival, que case o poderiamos definir como unha romaría con música.

-Para toda a familia.

-A intención é esa, ter unha festa durante todo o día para todo tipo de públicos, para que veña a familia enteira a gozar, que imos ter xogos infantís durante toda a xornada. Aquí atoparán onde comer e incluso postos onde comprar a comida se non a queren traer.

-A contorna é impresionante.

-É un lugar máxico, unha fraga da que temos que gozar e darlle valor, pero, sobre todo, que temos que coidar. A intención é que ao día seguinte ao festival o contorno se atope igual ca antes do noso paso, se non mellor. Iso é fundamental.

-A quen atopamos no cartel?

-Pois vai pasar un lote de xente! Estarán un montón de grupos folclóricos de Arteixo, pero tamén xente de máis alá. A xente de Triskell, Arume da Laracha, As Revolteadoras de Arteixo, Queiroa de Uxes, Xiradela, Dequenvessendo ou a banda de gaitas de Abelladeira, que veñen dende O Bierzo. E xa pola noite actuarán Briganthya, de Euskadi, e nós, Luar na Lubre, con moitos invitados. Contaremos con Óscar Rosende, de Brothers in Band, que, por certo, é primo meu. Tamén estará a cantante asturiana Marisa Valle Roso, o dúo Camándula ou Irene Cerqueiro, que é a filla da primeira voz que tivo Luar na Lubre, Ana Espinosa.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de A Coruña

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
7 votos
Comentarios

Bieito Romero: «Queremos que veña a familia enteira a gozar da fraga»