Rosalía de Castro, un exemplo de modernidade de 181 anos

La Voz

A CORUÑA

F. M.

O Teatro Colón celebra este venres a Gala Rosalía a partir das 20.30 horas, coa participación de músicos e poetas

21 feb 2018 . Actualizado a las 12:03 h.

Este sábado conmemórase o cabodano do nacemento de Rosalía de Castro hai 181 anos. E a pesar do tempo transcorrido a autora de Follas Novas segue a ser un referente da modernidade e das máis actuais reivindicacións sociais. Así o destacou a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, na presentación do festival de música e poesía que terá lugar este venres no Teatro Colón.

 «Foi unha muller moderna cun pensamento revolucionario que continúa vixente, polo que é preciso superar os tópicos e a visión de tristura que hai sobre Rosalía», apuntou a responsable de Cultura da Deputación ante os alumnos do IES Puga Ramón, que onte visitaron as instalacións do teatro e participaron nesta colorida presentación na que se repartiron globos e cadernos coa imaxe do cartel da gala, no que se pode ver a unha Rosalía ataviada coma unha superheroína.

No acto estivo presente tamén Xiana Lastra, de A Banda da Loba, como representante dos artistas que participarán na gala do venres, entre os que están, ademais do citado grupo, Natasia Zürcher, Abe Rábade, Najla Shami e Tempo Catro, no apartado musical, e Cesáreo Sánchez Iglesias, Marta Dacosta, Rosalía Fernández Rial e Anxo Angueira, na poética.

As entradas para a gala, que presentará a actriz Lorena Conde, son gratuítas, e pódense reservar na páxina web do Teatro Colón ou recollelas na billeteira do teatro.

Por outra banda, e tamén dentro dos actos conmemorativos do Día de Rosalía, o vindeiro martes terá lugar na Biblioteca Provincial, ás 19.30 horas, unha conferencia titulada A modernidade e a vixencia do discurso de Rosalía, que será impartida pola escritora Pilar García Negro.

Tamén en Arteixo celebran esta data con actividades como a representación teatral da vida da poeta a cargo de Lisístrata na Biblioteca Central, hoxe e mañá. E o propio sábado, día do nacemento de Rosalía, o Centro Cívico Cultural acollerá a entrega dos premios do Concurso Poético organizado polas bibliotecas. Ademais darase lectura ao manifesto da Asociación de Escritores en Lingua Galega, e Ana Hermida fará unha homenaxe poética feminina á autora.

A entrada será gratuíta previa recollida na billeteira.