Ramón Devesa: «Unha multinacional que busque instalarse no noroeste vai preferir Asturias á nosa cidade»

T. S. A CORUÑA / LA VOZ

ARTEIXO

O presidente da Asociación Coruñesa de Trasnsportes Discrecionais solicitan unha rebaixa da peaxe do 75 %

12 feb 2018 . Actualizado a las 10:52 h.

O empresario Ramón Devesa (Friol, 1970) preside a Asociación Coruñesa de Transportes Discrecionais (Acotrades) dende hai catro anos. Con sede en Pastoriza (Arteixo) representa a un grupo de 275 socios, 3.500 camións e 14.000 toneladas.

-Canto tempo levan pedindo as rebaixas das peaxes na cidade?

-Levamos moito tempo falando coa Administración, dicindo que non estamos de acordo con tanta peaxe. Agora retiran na provincia de Pontevedra e aféctannos a nós e aos nosos asociados na zona de Ferrol, da Coruña e de Arteixo. Que un camión saia da Coruña para ir a Arteixo e teña que pagar peaxe vémolo inxusto.

-E como afecta á economía global desas localidades?

-Ao final nós temos que cobrar os transportes máis caros que en sitios onde non hai peaxe, como Xixón ou Oviedo. E iso o que pode provocar é que unha multinacional que se queira instalar no noroeste español prefira Asturias en lugar de Coruña. E hai que lembrar que aos camións nos cobran o triplo que a un turismo, é moita pasta ao cabo do ano.

-Soluciona algo a terceira ronda?

-A terceira ronda non soluciona, non nos deixa ir a todos os sitios, é para o que é: saes da Coruña para enlazar co aeroporto, para nós non sirve. Os camións teñen que ir pola AP-9 si ou si.

-Conscientes de que eliminar as peaxes é unha utopía, cal é a reivindicación real que piden os transportistas?

-A nós gustaríanos que nos rebaixaran o 75 % da peaxe. Formamos parte da Federación Galega de Transportes e estamos tendo reunións habituais coa conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, e di que o están intentando.

-E Audasa?

-Audasa nada. É que se xunta todo. As peaxes están imposibles pero agora vennos enriba o tema do combustible. Hoxe os transportistas xa non botamos en Galicia, todos os camións repostan en Castela e León, ¡hai unha diferenza de 20 céntimos! Iso supón 200 euros de diferenza para depósitos de mil litros. É unha auténtica burrada.