¿Sabes tanto de Galicia como para que Os Bolechas volvan ao Camiño?

carmen garcía de burgos PONTEVEDRA / LA VOZ

ARTEIXO

Moraña será o sábado o punto de partida dunha divertida ruta de 21 paradas para levar o galego aos fogares

13 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Os Bolechas perdéronse e non son capaces de atopar a senda que os leve de volta ao Camiño de Santiago. Como en toda boa historia, na súa procura do traxecto de regreso dan cun «malo». É Eustaquio, o dono dunha pensión que lles vai facer pagar cara a axuda. Menos mal que o prezo pasa por un xogo. É ao que terán que xogar os pequenos que acudan a algunha das vinte e unha citas que arrancarán o próximo sábado ás 18 horas na Casa da Cultura ADR Castelao de Moraña, onde, onte, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, a alcaldesa, Luisa Piñeiro, e un responsable de Bolanda Edicións, Tomás Valín, presentaron De Chispa a Tatá, imos de Moraña a Zas, unha iniciativa incluída no programa FalaRedes.

Así que non é todo malo para Os Bolechas. Só terán que probar o taboleiro de xogos que Eustaquio está facendo, semellante ao da oca pero con preguntas sobre Galicia e hábitos saudables. De modo que os participantes deberán superar probas físicas e de habilidade e demostrar canto saben sobre a súa terra e o seu idioma dun xeito divertido e aleccionador tamén para os pais.

Tras Moraña, serán Sober, Castrelo de Miño, Barro, Caldas de Reis, Castro Caldelas, Triacastela, Quiroga, Rianxo, Pazos de Borbén, A Bola, Frades, Padrón, Negreira, Santa Comba, Arteixo, Zas, Mos, Bueu, Ordes e Xove os que terán que poñer todo da súa parte para que Os Bolechas non retornen ao Camiño de Santiago ata o próximo 5 de novembro. García subliñou que a actividade está «especificamente pensada para familias novas con cativada dos 4 aos 10 anos, para quen os coñecidos bonecos son referentes galegofalantes cos que ano a ano tentamos chegar con temáticas e propostas diversas pero sempre atractivas co obxectivo de animalos a participar, a socializar e a desenvolverse en galego en todos os ámbitos da vida».