«O martes xa imos dar a primeira licenza para o proxecto de Inditex»

Cristina Viu Gomila
Cristina Viu CARBALLO / LA VOZ

ARTEIXO

Jose Manuel Casal

04 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

José Manuel López Varela (1961) é alcalde da Laracha, sempre con maioría absoluta, desde 1999. Tanto tempo no poder non debilitou o seu éxito na política local e a noticia de que Inditex vai instalar un centro loxístico no polígono fai que chegara ao ecuador do mandato nas mellores condicións posibles.

-Ao polígono custoulle arrincar.

-O polígono está preparado, con tódolos servizos, pero o problema era o prezo. Pedimos bonificacións para poder competir cos de Xestur, principalmente co de Carballo, no que fixeron rebaixas de ata o 50 % a moitas empresas. Temos unha extraordinaria situación estratéxica, gasoduto, boas comunicacións terrestres, fibra óptica...

-Pero Inditex precisaba unha gran parcela.

-Iso non foi problema porque tiñamos moita oferta. Tan pronto como Inditex pediu información, mandóuselle, cos datos da parcelas e dos servizos. Houbo moitísimas reunións con técnicos da empresa, con SEA e con responsables da Xunta, ata que adquiriron terreo con esa bonificación.

-¿Houbo rebaixa?

-Desde a primeira reunión con Lucía Molares conseguimos un desconto do 25 %, aínda antes de que Xestur aplicara as máximas, do 25 % en Carballo. Son 218.000 metros cadrados cunha rebaixa do 25 %. A partir de agora ábrese unha nova vía para a implementación de empresas, co que significa o efecto chamada. Hai algunha que xa contactou co Concello. Estamos a manter reunións. Onde se instala Inditex hai desenvolvemento económico e tamén ten moito prestixio internacional, provoca unha actuación moi potente no territorio e crea a outras as ganas de poñerse ao lado.

-Non podían competir en prezo.

-Ata a data había moitas diferenzas que non tiñan sentido. Son dous polígonos públicos e única distinción é que un o xestiona a Xunta, e o outro, o Goberno central. Tiñan que marchar en igualdade de condicións e de servizos.

-¿Tamén houbo que loitar coa candidatura de Morás?

-Non, estaba descartado pola situación na que está. Nós temos a vantaxe de que poden vir a instalarse agora mesmo. Non sei a situación exacta de Morás, pero creo que falta investimento para que poda estar operativo.

-O acceso á autoestrada é un punto a favor, pero a peaxe pode volverse en contra.

-A peaxe é una cuestión que afecta á Laracha, pero tamén a Arteixo e a Carballo. Hai moitos outros polígonos en distintas zonas de España que tamén teñen o principal acceso en vías con peaxe. A idea de todos é que puidera ser rescatado, pero é un tema complicado e moi custoso

-¿Calcularon cantos impostos poden cobrar de Inditex?

-Todas as empresas que se instalen en A Laracha teñen unha bonificación do 95 % do ICIO, que a máxima que o Concello pode aplicar.

-¿Vai ser este o lanzamento definitivo do polígono?

-Eu penso que si. O solo industrial son 537.000 metros cadrados e agora mesmo, coa compra de Inditex estamos en 250.000 metros cadrados vendidos, polo que a ocupación está preto da metade do parque.

-¿Como é esa metade que queda?

-Hai parcelas de todo tipo, de uso comercial, mixtas comerciais e industriais, de gran industrial... Temos variedade en canto a tamaño e cualificación e tamén con distintas capacidades edificatorias para facer naves de diversos tamaños. Todo iso está recollido no plan sectorial que se pode consultar sen problema.

-¿O primeiro contacto con Inditex foi por parte do Concello?

-En canto se puxeron en contacto con nós quedamos moi contentos, xa desde o primeiro momento que lles remitimos a información. Inditex primeiro púxose en contacto co Concello da Laracha e despois convocamos reunións con representantes do Sepes, que é o propietario maioritario, a parte da Xunta. Houbo apoio por parte de todo o Goberno galego para que o proxecto saíra adiante. Mantivemos moitas reunións con técnicos.

-¿Os encontros foron todos para tratar cuestións técnicas?

-Si, falamos da distribución da parcela desde o punto de vista técnico. Creo que se pode a avanzar que o martes imos conceder a primeira licenza, que é para as primeiras actuacións, consistentes no acondicionamento dos terreos. Imos tal e como está folla de ruta. Presentouse o primeiro proxecto e a Xunta de Goberno vai autorizalo. A idea é aproveitar a verán e o bo tempo para facer o movemento de terras.