Da informática á agricultura tradicional

M. R. A CORUÑA

ABEGONDO

CESAR QUIAN

José Antonio Olveira, Palmeirán, cambiou para unha actividade na que «aprendes a base de erros»

07 sep 2020 . Actualizado a las 09:05 h.

«Agricultura tradicional de proximidade. Sen tratamentos químicos. Da horta á túa mesa». Así presenta a súa actividade José Antonio Olveira a quen todos coñecen por Palmeirán, xa que é natural de Palmeira. Leva tres anos coa finca O Castelo [o nome é dun promontorio a carón do mar do seu pobo], despois dun drástico cambio profesional no que deixou a informática para dedicarse a agricultura tradicional. «É unha experiencia nova na que vas aprendendo a base de erros», explica. A finca, de 4.500 metros cadrados, está no val do río Mero, no lugar de Boucello, en Leiro-Abegondo. O primeiro que tivo que facer foi desbrozala xa que estaba invadida pola maleza, aínda que xa fora labradío.

Palmeirán detalla a loita coa natureza: «Cando aparecen os xabarís que che desfán unha colleita, as lemas que danan outra...».

O seu son produtos da horta que planta nunha finca na que «temos un total de 75 froiteiras e varios castiñeiros». Berenxenas, brócoli, cabazas, leituga, coliflor, grelos... Son produtos que cultiva e logo, despois do traballo na terra, vai repartir. Vende directamente a consumidores en pedidos pequenos que as veces son de 4 ou 5 euros, «a maioría deles, están arredor dos 10 ou 12 euros. Esa é a media». Cada domingo actualiza na súa páxina web [http://www.fincaocastelo.es/p/prezos.html] os produtos que están dispoñibles e o prezo dos mesmos para facilitar os pedidos dos clientes.

Cultiva outros produtos como patacas «xunto con veciños da zona nas fincas destes» e tamén mazás noutra finca de Culleredo.

Explica que o cultivo da finca O Castelo é con criterios ecolóxicos, tanto que «en cousas son máis estrito que o Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica». A actividade de Palmeirán está baixo a Marca Reserva da Biosfera e adianta que seguramente «acabarei pedindo a certificación de produtor ecolóxico».

Palmeirán cultiva na finca O Castelo e fai o reparto.

No confinamento o traballo de Palmeirán disparouse: «Non daba feito». Tivo que ir buscar produtos a outras fincas. Moitos días remataba as once da noite. Fixo clientes novos, «pero en canto a xente empezou a ir as casas das aldeas e a traer cousas, acabouse». De feito, apenas lle quedan clientes do confinamento. O que si queda é a imaxe de facer o reparto nunha Coruña «que estaba baleira de todo».