Parga crea a segunda carreira de burros da provincia, tras Escairón

Forma parte do cartel da Feira de Cantería, Callos e Artesanía

M. C.
LUGO / LA VOZ

A parroquia guitiricense de Parga celebra este domingo a vixésimo quinta edición da Feira de Cantería, Callos e Artesanía. Nela incluirán por primeira vez unha carreira de burros.

Nesta edición convivirán no programa tradición e innovación, xa que na carballeira de Parga únense ano tras ano artesanía, gastronomía e historia nunha soa xornada. O certame de cantería arranca ás oito da mañá, e participan nel canteiros chegados de toda Galicia. Logo, un xurado fallará sobre as mellores obras. O xantar terá lugar ás dúas do mediodía, onde se poderá degustar unha ración de callos. A xornada rematará amenizada polo grupo Amizades, que cantan ao estilo dunha tuna e son os encargados de abrir as festas de María Pita na Coruña.

Como novidade, este ano decidiron deixar as carreiras de cabalos e incorporar no programa unha carreira de burros, que terá lugar pola tarde. Este concurso «ten moitísimo éxito en Escairón», comenta un dos organizadores da feira, Fernando Roca.

Ata o de agora contan cuns dezaseis inscritos para esta competición, onde se recalca que «non existirá ningún tipo de maltrato cara aos animais» e as persoas que o fagan quedarán descualificadas do concurso. «A un cabalo dáselle coas pernas ou cunha fusta, pero nunca con calquera outro instrumento que poida mancar ao animal», engade Roca.

Dependendo do número total de inscritos e do ancho da pista, a carreira farase en dúas quendas, de onde sairán os tres ou catro primeiros que correrán logo nunha final. Haberá premios en metálico e ao burro gañador imporáselle unha coroa de loureiro.

Dende a organización ven esta carreira como unha festa «cada vez máis popular». Achegaranse a Parga neste día competidores de varios lugares: nove dende Abegondo, tres dende Salceda de Caselas, outros tres dende Vilagarcía e ata algúns do País Vasco. «Atrae a moita xente, pois fanse tamén noutras zonas, como Padrón ou Moraña, e a nosa idea é que continúe», explica Fernando Roca. En Cangas organizan unha feira de gando onde tamén contan con este tipo de concurso, xunto con cabalos e outras actividades coas outras razas.

Un dos obxectivos que perseguen con este tipo de concursos é conseguir que se faga unha liga galega de carreiras de burros e facer disto algo máis grande. «Imos contar coa participación dun home que correu con burros nun campionato mundial que houbo na cidade italiana de Milán», comenta Fernando. Deste modo, Parga figuraría como un «embrión» desta actividade en auxe.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de A Coruña

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Parga crea a segunda carreira de burros da provincia, tras Escairón