Un adeus á veciña máis lonxeva de Abegondo

José A. Santiso

ABEGONDO

CÉSAR DELGADO

Morreu, a piques de cumprir os 108 anos, Carmen Aurora Rodríguez

23 sep 2017 . Actualizado a las 12:02 h.

Era unha marabilla entrar cada 13 de outubro na casa de Carmen Aurora para participar na celebración do seu aniversario. Unha muller sempre alegre, humilde e que tivo unha longa vida de 107 anos dedicada aos seus. Ata alí se achegaban non só os seus familiares, senón tamén veciños e coñecidos, mostra do agarimo que espertaba.

O mesmo poderíase dicir do seu marido José María, quen faleceu hai xa 8 anos, con 106. Algo tamén moi inusual. O Concello de Abegondo visita habitualmente os seus veciños centenarios no día do seu aniversario. Pois ben, esta familia celebrouno durante 14 anos seguidos. Todo un logro.

Lémbrome nunha das primeiras ocasións que visitamos a casa, hai xa 13 anos, que cando entrei vin a José María enriba dunha escaleira cortando as vides. E ao seu carón estaba Carmen Aurora suxeitando a escaleira. Unha mostra da vitalidade destes veciños que quedarán sempre no noso recordo. Ambos foron un exemplo tamén de traballo e dedicación.

Primeiro en Leiro e nos últimos anos en San Marcos de Abegondo, estou seguro de que Carmen Aurora viviu con felicidade no seu pobo e coa súa xente. Desde este ano quedará un oco baleiro cada 13 de outubro, pero todos os que a coñeciamos nos seguiremos lembrando dela.

Descanse en paz.