González Formoso defende a Lei de Netos na súa visita a Bos Aires

La Voz A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

González Formoso visitou a sede da Federacións de Asociacións Galegas da República Arxentina.
González Formoso visitou a sede da Federacións de Asociacións Galegas da República Arxentina. ATR

«Aquí síntese Galicia dunha maneira extraordinaria», dixo o presidente da Deputación da Coruña no encontro con descendentes da emigración

24 sep 2026 . Actualizado a las 19:41 h.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o presidente da Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina, Luís Fernández Ageitos, expresaron en Bos Aires o seu rexeitamento aos intentos de limitar os dereitos adquiridos polos descendentes da emigración española e defenderon a necesidade de preservar os avances acadados nos últimos anos no recoñecemento da cidadanía aos fillos e netos da diáspora. As declaracións producíronse durante a visita á sede da Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina, onde se reuniu coa directiva e cos músicos, actores e actrices da recentemente creada Compañía Teatral Galega de Bos Aires.

Formoso destacou «o papel fundamental que durante décadas desempeñou a emigración galega na construción da Galicia actual» e defendeu a necesidade de «manter e fortalecer os vínculos coas novas xeracións de galegos e galegas no exterior».

O presidente provincial puxo tamén en valor o sentimento de pertenza que continúa vivo entre a colectividade galega da Arxentina. «Aquí síntese Galicia dunha maneira extraordinaria», afirmou.

Formoso incidiu na importancia de que os descendentes da emigración poidan manter os seus vínculos e dereitos como cidadáns españois e reivindicou a denominada Lei de Netos como «un recoñecemento xusto» a miles de familias marcadas pola emigración «nos anos máis escuros da nosa historia».

Pola súa banda, Fernández Ageitos destacou a loita desenvolvida durante anos pola federación e polo conxunto da colectividade para conseguir o recoñecemento dos dereitos dos descendentes de españois no exterior e chamou a evitar calquera retroceso nos avances acadados.

O presidente da federación asegurou que a entidade seguirá «en alerta e mobilizada» e apelou a «despertar conciencias e a mobilizarse todas as veces que faga falta»” para defender os dereitos dos cidadáns españois residentes no exterior.