Organizan na Coruña unha lectura de contos criminais de Emilia Pardo Bazán
A CORUÑA
A xornada, con motivo do 175 aniversario do seu nacemento, reivindicará o papel da escritora como precursora do xénero negro
14 sep 2026 . Actualizado a las 10:58 h.A Casa-Museo Emilia Pardo Bazán celebrará este mércores, ás 18.00 horas na Fundación Luís Seoane, a xornada Emilia Pardo Bazán, pioneira do xénero negro. O encontro homenaxeará a autora no 175 aniversario do seu nacemento analizando os seus contos criminais e a súa conexión coa narrativa actual. A cita contará cun relatorio do profesor Xaquín Núñez Sabarís, o violín de Mario Diz e unha mesa redonda protagonizada por Pedro Feijoo, Inma López Silva e Ana Viéitez. O público asistente recibirá unha publicación con tres relatos da autora.
Pedro Feijoo, figura imprescindible na consolidación e popularización do xénero negro nas letras galegas contemporáneas, explorará os mecanismos narrativos de Pardo Bazán. Inma López Silva, autora de Por qué Asunta?, mergullarase na relación entre literatura, realidade, violencia, memoria social e representación do crime; e Ana Viéitez, que acaba de debutar con Pacto de silencio, achegará unha mirada emerxente sobre a vixencia do crime como materia narrativa.
No outono, a RAG estreará nas redes sociais unha miniserie de reels escénicos sobre o conto El indulto, obra de 1883 denunciante da violencia machista.