Bieito Romero: «A praia da Frouxeira é un marco idílico para un acontecemento así»
A CORUÑA
Luar na Lubre actuará no municipio de Valdoviño coa colaboración da banda de gaitas Airiños de Fene e o bailarín Xiao Mogín
10 ago 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Corenta anos contemplan a Luar na Lubre, un aniversario que seguirán celebrando este mércores no norte da provincia, en Valdoviño, despois da eclipse. Falamos co seu factótum, Bieito Romero.
—Poucos escenarios tan abraiantes como a praia da Frouxeira.
—É un sitio marabilloso, especial, cunha posta de sol impresionante. É un marco idílico para facer un concerto deste tipo. E agora esperemos que acompañe o tempo porque o Atlántico ten estas cousas…
—Nun día así encaixan discos como «Solsticio», do 2010.
—Os nosos devanceiros eran xente que miraba para o ceo, que era o que marcaba os ritmos da natureza, lían aí, non tiñan posibilidades científicas coma nós. Nesa temática está moi metido o noso repertorio, impregnado de sapiencia antiga, as estrelas, o solsticio, os plenilunios. Falta unha canción que fale dunha eclipse. Por certo, nós tocamos o 11 de xullo do 1999 nunha praia vasca coincidindo cunha eclipse parcial.
—O día de San Bieito.
—Era o meu santo, si. Fora uns días antes daquel concerto de Mike Olfield na praia de Santa Cristina. Lembro aquel día porque había unha especie de psicose de mal fario porque nos achegabamos a pasar o ano 2000. Non tiña o mínimo interese no tema, pero vin que a luz se puña moi rara. Pero a eclipse total é un acontecemento que, se non viaxamos a sitios alonxados, xa non o volveremos a ver máis, é un momento moi especial. Encima na praia da Frouxeira, que non é pouca cousa. Espero que a xente o goce como o imos gozar nós.
—Onde tiña pensado ver a eclipse?
—Non tiña pensado ir a ningures, este concerto pechouse hai tempo. Pero como vivo en Armentón (Arteixo), estou moi cerquiña de Barrañán, de Caión, de Baldaio, serían sitios moi chulos. Gústame estar xunto ao mar, e así vai ser. Tampouco me importaría estar no lago das Pontes.
—Nun concerto así, o repertorio será un mix dos clásicos?
—Estamos celebrando o 40 aniversario do grupo, tamén coa presentación de último traballo, que se chama Lubre. O repertorio é bastante fixo. Na Frouxeira imos ter varios convidados, un bailarín, Xiao Mogín, que levará a danza tradicional a un terreo máis innovador nun par de temas, e logo tamén estará a banda de gaitas Airiños de Fene, que darán moita potencia.