O conselleiro de Educación advierte á UDC polo burato económico: «Non podes gastar máis do que tes»

Tamara Rivas Núñez
T. Rivas A CORUÑA

A CORUÑA

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, durante unha intervención no Parlamento galego
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, durante unha intervención no Parlamento galego PACO RODRÍGUEZ

Román Rodríguez esixe «trasparencia e responsabilidade» á institucion coruñesa e advierte que a Xunta «é leal, pero non pode ser cómplice» da situación

29 jul 2026 . Actualizado a las 10:42 h.

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, fixo unha chamada directa á «transparencia e responsabilidade» do equipo rectoral da Universidade da Coruña (UDC) para clarificar o desaxuste orzamentario que no exercicio do 2024 presentou un déficit acumulado de 19 millóns de euros. Nunha entrevista no programa Voces de A Coruña, de Radio Voz, o titular do departamento autonómico abordou a grave situación financeira da universidade herculina, ao tempo que debullou os proxectos de obras de reforma nos colexios da cidade e as previsións sobre os profesores de apoio á diversidade coas que se iniciará o vindeiro curso escolar.

Na súa análise sobre as contas da UDC, Rodríguez enfatizou que «a autonomía implica tamén ter responsabilidade» e subliñou que «non podemos dicir: eu gasto máis do que teño e despois pido á Xunta», instando á institución académica a «axustar os ingresos aos gastos, que é o abecé de calquera administración pública». Durante a súa intervención, o conselleiro contrapuxo a situación do campus coruñés co funcionamento das outras dúas universidades galegas, recordando que o Plan de Financiamento 2022-2026, aprobado por unanimidade por todas as institucións académicas galegas, está a funcionar «de xeito moi razoable» en Santiago e Vigo, onde ofrece «certezas e estabilidade» .

Pola contra, o responsable autonómico sinalou que a universidade coruñesa pasou de presentar no ano 2023 un orzamento «absolutamente expansivo e elaborado con rigor» que contaba con remanente positivo, a amosar no 2024 un remanente negativo e un escenario de «crise económica». Segundo criticou, os plans de axuste activados dende entón «non foron eficaces e non houbo as medidas suficientes ou reais» para reconducir o saldo debedor. Censurou ademais que dende a dirección universitaria se estean a ofrecer «cero explicacións, máis alá de pedir máis diñeiro, que é o máis fácil».

Así mesmo, revelou que a Xunta xa aplicou no seu momento mecanismos de penalización e «multas, por dicilo dun xeito directo», e advertiu de que, aínda que o Goberno galego manterase «absolutamente leal» coa institución, «non podemos ser cómplices» da falta de rigor. Malia definir a estrutura contable interna da UDC como «unha situación preocupante», Rodríguez quixo lanzar unha mensaxe de tranquilidade aos estudantes ao aclarar que o desenvolvemento académico diario «está garantido e non hai ningún problema para que siga», xa que o desaxuste afecta á liquidación de remanentes non comprometidos. Con todo, instou á universidade a actuar con «enorme responsabilidade», á espera dos resultados da auditoría encargada polo Consello Social, para elaborar un plan de reequilibrio financeiro con vistas á preparación dos orzamentos de 2027.

Obras nos centros escolares

Máis alá da polémica universitaria, o conselleiro repasou o estado das infraestruturas educativas non universitarias na Coruña ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica. Rodríguez destacou a recente recepción de grandes reformas integrais de contía «millonaria» en centros de secundaria como o IES Rafael Dieste e o IES Salvador de Madariaga, e adiantou a licitación inmediata da ampliación e reforma do IES Agra do Orzán. Interpelado polas habituals friccións entre administracións pola conservación dos colexios de primaria, Rodríguez esixiu ao Concello da Coruña que asuma as súas competencias de mantemento elemental, ao tempo que criticou que se intente derivar a responsabilidade á Xunta asegurando que «cada un ten que ser responsable das súas competencias e non escudarse e botarlle a culpa ao outro, porque iso non vale para nada; iso é pan para hoxe e fame para mañá».

Neste contexto de competencias compartidas centrouse a análise do CEIP de Prácticas, un centro pendente dunha intervención profunda cuxa xestión involucra á UDC (propiedade do inmoble), ao Concello (mantemento) e á Xunta (obras estruturais). Rodríguez denunciou que o edificio atópase actualmente «moi mal mantido» no tocante ás tarefas municipais, o que contrasta co bo estado dos institutos lindeiros xestionados integramente pola administración autonómica. Con todo, avanzou que se están a manter conversacións coa UDC para buscar unha solución conxunta e advertiu de que, de non acadarse un acordo a tres bandas, a Consellería asumirá pola súa conta a elaboración dun proxecto de rehabilitación integral para resolver os problemas do inmoble, dado o seu valor patrimonial.

Reforzos nas aulas

Por último, o conselleiro abordou as demandas de reforzo de recursos para os alumnos con necesidades específicas de apoio educativo (NEAE), tralas protestas rexistradas durante o curso en centros como o CEIP Concepción Arenal. O titular de Educación recoñeceu que a atención á diversidade é un eido no que «por moito que fagamos sempre será insuficiente», xa que se xestionan «recursos escasos fronte a necesidades infinitas». Porén, confirmou que, en desenvolvemento do acordo sindical asinado en 2023, o vindeiro mes de setembro incorporaranse ao sistema educativo galego «máis de 100 profesionais especializados» nas especialidades de Pedagoxía Terapéutica (PT) e Audición e Linguaxe (AL). Rodríguez salientou que a cifra destes docentes case se duplicou na última década e concluíu defendendo que, segundo os datos oficiais do Ministerio de Educación, Galicia mantense como «a comunidade autónoma máis inclusiva do conxunto do Estado», o que considerou un valor froito do esforzo dos docentes e do compromiso do Goberno autonómico por «axudar máis a quen máis o precisa».