O pleno da Real Academia Galega confirma por unanimidade o segredo a voces, o autor de Gres será o homenaxeado no vindeiro ano
08 jul 2026 . Actualizado a las 17:10 h.«Hai unha obra en castelán universal que comeza así: “En un lugar de La Mancha”. Hai unha obra en galego que comeza: “Eu son Balbino”». Con esta comparación resumiu a académica Fina Casalderrey a popularidade do autor elixido para as Letras Galegas do 2027. A candidatura de Xosé Neira Vilas (1928-2015, Gres, Vila de Cruces), da que Casalderrey foi unha das principais impulsoras, saíu adiante tras retirarse no propio pleno celebrado esta mañá no pazo de María Pita a de Constantino García González (Oviedo, 1927-Santiago de Compostela, 2008). A votación foi «por unanimidade», subliñou o presidente da Real Academia Galega (RAG), Henrique Monteagudo, «algo que non é moi habitual», engadiu, e tras un debate «moi intenso». «Desde o ano pasado, cando se cumpriron 10 anos do seu falecemento -unha das condicións que hai que cumprir para ser candidato-, había xa este ruxerruxe. É un escritor, que foi compañeiro noso, dunha enorme popularidade, da que gozou e segue gozando. A Academia está moi contenta de satisfacer esta ansia popular que nos chegou por moitas vías», recoñeceu Monteagudo.
«Traballou ata o último día, nunha escola, dicíndolle aos nenos que lesen poesía», valorou Casalderrey. Foron varios os académicos que quixeron tomar a palabra. «Neira Vilas foi quen lle mandou unha pedrada a Manolito, o fillo do señor. Así o presentou nun acto en Sargadelos, nos anos 80, Isaac Díaz Pardo», dixo Margarita Ledo. «Queremos que se recoñezan nas letras todos os nenos labregos, este é un momento de conexión interxeracional», expresou María López Sández. «Chegar desde unha aldea de Gres a tantas linguas é algo extraordinario. Neira Vilas non é un best seller, é moito máis», precisou Casalderrey. «Creou unha editorial, Follas Novas, en Bos Aires. Pero tamén é unha figura que convoca todas as adhesións», lembrou Margarita Ledo. «Non menos importante, tamén fixo xornalismo de investigación con Galegos no golfo de México», incidiu Marilar Aleixandre.
Neira Vilas firmou un dos libros máis lidos da historia da literatura galega. O seu Memorias dun neno labrego, que saíu no ano 1961 por primeira vez do prelo en Bos Aires, abrazou e segue a abrazar a xeracións de cativos, que o descobren nas escolas. «Neira Vilas foi un auténtico construtor do noso imaxinario colectivo, e non únicamente a través dese libro que todos temos na cabeza, senón a través de toda a súa ampla e polifacética obra, xornalismo, poesía, estudo, tradución. E hai que salientar a importancia que tivo na centralidade no noso imaxinario da diáspora, un fenómeno que nos construíu como país. Neira Vilas foi un talento extraordinario, capaz de crear unha lingua literaria viva, rica, espontánea. Un escritor que nos cautiva nas primerias liñas do seu texto coa súa naturalidade», argumentou Monteagudo.
Co Ano Neira Vilas queren reivindicar as súas múltiples dimensións, dende a do narrador de ficción que escribiu un dos libros máis exitosos das letras galegas ao cronista da diáspora en América. «Fixo da lingua oral da aldea unha lingua literaria digna», expoñen. A través da voz inocente e lúcida de Balbino, este fillo dunha familia de labregos da aldea pontevedresa Gres, o maior de sete irmáns, retratou o mundo rural galego da posguerra, denunciando as inxustizas e recollendo a riqueza humana e emocional da aldea. Hoxe este rapaz de aldea é un símbolo colectivo segue vivo na memoria compartida, «porque fala dende a autenticidade e dende a emoción que traspasa xeracións», di a institución. Camiño bretemoso (1967), Cartas a Lelo (1971), Aqueles anos do Moncho (1977) ou Querido Tomás (1980) son outros dos títulos que publicou.
Poucas veces un nome xerou tanto consenso na RAG, unha elección de consenso que xa adiantara La Voz este martes. Xela Arias, como recordou Marilar Aleixandre, foi outra das autoras votadas por unanimidade, só que no ano no que foi elixida era a única candidata.
Destaca a RAG que, como escritor, Neira Vilas acadou algo extraordinario, crear unha obra profundamente galega e, ao mesmo tempo, universal. Co seu nome a institución rompe cunha cadena na que os últimos tres premiados foron mulleres. Begoña Caamaño, neste ano 2026; as cantareiras, no 2025, e Luísa Villalta, no 2024. Faino para honrar ao pai de Balbino.