E hoxe ten 102. Carmen presume da súa independencia, da emigración, do traballo no campo e da súa familia en Coirós. «A miña sobriña é a miña nai», repite
28 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Carmen apenas tiña dous meses de vida cando o ditador Miguel Primo de Rivera deu aquel golpe de Estado en 1923 para suspender a Constitución (1876) e facer unha Administración moi próxima á milicia. Carmen era totalmente allea ás páxinas que se estaban a escribir sobre a historia do país. Ela sería testemuña doutro golpe máis violento e terrible, pero a súa, a de Carmen Crespo Vázquez, tamén Carme do Merlo, como a coñecían os veciños da súa casa de Mondoi (Oza Cesuras), ou Caní, como aínda a chaman hoxe, escribiu a súa historia paralela con liñas cheas de fortaleza, traballo e independencia, cando as mulleres estaban chamadas a ser complementos dos homes tras pasar polo altar.
Por iso Carmen é especial. Porque este mes de novembro cumprirá 103 anos, o que non lle impide lembrar a meirande parte das súas memorias, unha biografía falada mil veces e que humildemente hoxe se recolle por escrito neste xornal. A súa fortaleza xa citada é física e mental. Esta muller miúda e de aparencia fráxil vivía soa apenas hai dous anos na súa casa de Mondoi, onde facía ximnasia subindo e baixando as escaleiras da vivenda. Pero aínda hai un más difícil todavía: «Cando tiña 100 anos seguía a plantar patacas na miña horta». Hoxe vive en Coirós coa súa sobriña Elena, a quen considera «unha nai». Basta ver as miradas que se cruzan para comprobar que non esaxera. Agora tampouco admite estar quieta na casa da sobriña. «Carmen encárgase de fregar os pratos e colocar as toallas», sinala Elena.
Retar á lonxevidade ten o seu lado negativo, como ver marchar a oito irmáns, cinco homes e tres mulleres, que pasaron polo mundo con sorte dispar: Pilar e Socorro finaron con 97 anos, mentres Emilio marchou con apenas 57. «Tiven outra irmá que morreu con 4 aniños, María», lembra Caní, a quen convén falar rozando o berro para facerse entender. E non se queixa de estar algo xorda «porque teño 102, como de todo e tomo unha pastilla». Que levanten a man os adultos que tomen máis dunha ao día. Pois iso…
«Traballaba tanto no campo que a xente dicía que non tiña riles, pero doíanme, moito», lembra nun dos seus arranques de lucidez. Militares á marxe («vin moitos mortos tirados nas cunetas da estrada de Santiago»), o golpe que máis lle doeu foi a morte da súa nai, Manuela. Aí quedou soíña e moi afectada. «Desde que morreu nunca volvín pisar o cemiterio», sentenza. O seu pai chamábase Manuel e non era moi apreciado durante a ditadura franquista. «Era de esquerdas, os gardas sempre o mandaban marchar».
Emigrante en Inglaterra
Así, sen ninguén con quen falar na casa de Mondoi, aceptou a invitación da súa sobriña para emigrar con ela a Inglaterra. «Primeiro limpaba nunha casa e despois pasei a un hotel. Dalí fun a traballar na limpeza dun hospital que xa non existe porque ardeu. Alí dicían que traballa tan lixeira que parecía que ía por riba do chan, como se estivera subindo eucaliptos». A súa etapa inglesa durou 17 anos e volveu á casa de Mondoi, a retomar o traballo coas patacas.
Asegura que xa ten o inglés completamente esquecido, unha mensaxe que repite a continuación: «I forgot everything».
«Se durei tanto foi porque nunca casei, estou máis contenta así»
Asegura Carmen que se nunca casou foi «porque non houbo quen me quixera». Podemos dicir que estamos ante unha desas mentiras piadosas, frases feitas que se soltan sen pensar. Porque Carmen do Merlo tivo varios mozos, «e tres chegaron a falarme de casar». «Din que a un ao que rexeitei pasou unha semana sen durmir e sen comer, e logo tamén o sobriño do cura quería estar comigo», lembra a centenaria, quen tamén tivo posibilidades na súa etapa na emigración. «O marido da miña sobriña traíame un mozo para que estivera con el, parece que lle gustaba, pero eu díxenlle: “Se ese home entra pola porta eu saio polo garaxe”», lembra entre risas. «Se durei tantos anos foi porque nunca casei, estou máis contenta así, sen pelexar con ninguén», conclúe Caní.