O xurado escolleu entre as 77 candidaturas a obra «Porcelana e chumbo»
06 jun 2026 . Actualizado a las 01:37 h.Baldo Ramos e Sara Plaza recibiron este venres o galardón que os acredita como gañadores da 29.ª edición do Premio de Poesía Concello de Carral pola súa obra Porcelana e chumbo, que foi elixida entre os 77 traballos presentados. A cita, á que asistiron o alcalde, José Luis Fernández Mouriño, e o director xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo, serviu tamén para presentar Especies invasoras, o poemario co que Branca Trigo acadou o premio no 2025.
O alcalde da vila avanzou que «o Concello organizará unha programación especial con numerosas actividades para seguir achegando este xénero literario a toda a poboación» no 2027, cando o premio chegará á súa 30.ª edición.
Ademais da presentación das obras, no acto interviñeron tamén a poeta e membro do xurado deste ano, Miriam Ferradás, e o escritor e director de Edicións Espiral Maior, Miguel Anxo Fernán-Vello. O evento incluíu unha actuación musical a cargo de Francisco Castro.
Porcelana e chumbo foi escollida de xeito unánime polo xurado. Das 77 obras presentadas ao concurso, o tribunal da convocatoria concedeu o galardón a este poemario destacando que «a escrita aparece como unha forma de acompañar a perda, a cegueira e a memoria moi presentes en todo o traballo». Ademais, púxose en valor a madurez expresiva, a densidade poética e as imaxes innovadoras que afondan nos grandes temas universais: a soidade, o paso do tempo e o valor do íntimo.
Baldo Ramos (Celanova, 1971) xa obtivera o galardón na 5.ª edición e é autor dunha vintena de libros, entre os que despuntan os seguintes títulos: A árbore da cegueira (2002), El sueño del murciélago (2003), Escura e transparente (2005), Monólogo do calígrafo (2008), Palimpsesto (2009), Palabras para un baleiro (2009), A ferida de comprender (2011), Cartografía do exilio (2014), Cartas dende o esquenzo (2018), Palabras sen ninguén (2019), Porque te quero (2020) ou No interior do abandono (2020).
Pola súa banda, a madrileña Sara Plaza (Bustarviejo, 1972) é unha escritora, tradutora e ilustradora en lingua galega. Malia que non naceu en Galicia, entrou en contacto coa lingua galega a través de xornais dixitais, programas culturais da TVG e portais na rede e gañou no 2020 a XXXIII edición do premio de poesía Pérez Parallé coa obra Todos os pasos fan ruído.