A Coruña reivindica as Letras Galegas cunha intensa xornada cultural

La Voz A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

Os xardíns de Méndez Núñez acolleron unha foliada na que participaron diversas agrupacións
Os xardíns de Méndez Núñez acolleron unha foliada na que participaron diversas agrupacións GONZALO BARRAL

Charlas e unha mostra sobre astronomía seguen a celebrar este mes a lingua

17 may 2026 . Actualizado a las 21:31 h.

Diversos actos celebraron este domingo na Coruña o Día das Letras Galegas. Unha data clave no noso calendario que diferentes colectivos culturais reivindicaron na cidade. Pola mañá, a Banda Municipal de Música da Coruña e a Escola de Artes Escénicas da Estrada ofreceron un concerto no Teatro Colón. Pola tarde, nos xardíns de Méndez Núñez, celebrouse a A Foliada das Letras, con Cántigas da Terra, Donaire, Maghúa, Son d'aquí, Xacarandaina e Espadana. Por último, a pianista Isabel Dobarro, intérprete de prestixio internacional gañadora do Latin Grammy na categoría de mellor álbum de música clásica, presentou Eidos. Unha proposta artística de gran calidade, caracterizada polo seu compromiso coa música contemporánea e coa visibilización de novas creacións.  O Colón foi, de feito, un dos epicentros culturais da cidade cunha programación variada pensada para esta data tan importante da cultura galega.

Pero, o galego hai que celebralo, falalo e escribilo todos os días. Por iso, a actividade cultural segue. A Asociación Cultural Alexandre Bóveda acolle este luns, ás 20.00 horas, a palestra titulada Begoña Caamaño: a memoria e o afecto na súa narrativa, impartida pola poeta, ensaísta e crítica literaria Marga do Val. O encontro afonda na figura e na obra da escritora e xornalista viguesa, homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas, cunha análise centrada nas claves literarias dunha das voces máis singulares da narrativa contemporánea.

Por outra banda, a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío presenta unha nova exposición sobre a relación entre a astronomía e a literatura galega. O panel expositivo, en formato biombo e ilustrado con fotografías e imaxes explicativas, poderá visitarse nos próximos días na Biblioteca Municipal Durán Loriga e no local da Asociación Cultural Alexandre Bóveda.

Entre os autores e obras destacados figuran Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Manuel María ou Darío Xohán Cabana, ademais de curiosidades da prensa galega do século XIX relacionadas coa astronomía. O Día das Letras non remata o 17 de maio.