Iria Caamaño, doutora en Turismo da UDC: «Hai que definir o límite de cruceiros que poden chegar no mesmo día»
A CORUÑA
A especialista valora o presente e o futuro da cidade como destino turístico
17 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Logo da vivenda, a inestabilidade económica e o medio ambiente, o turismo vén ser un dos temas que máis polarización xera na actualidade en España. De desexo universal a potencial polo de conflito, as cidades deseñan estratexias para captar visitantes de calidade, fuxindo das masificacións. Iria Caamaño, doutora en Dirección e Planificación do Turismo pola UDC, dirixiu hai semanas o foro Turiciencia, no que amosou un optimismo que mantén nesta entrevista. «O que está facendo Galicia, en xeral, poderíase expoñer como caso de éxito. E A Coruña tamén».
—Que o turismo está mudando é unha realidade. Pero cara a onde?
—Si. O turismo nos últimos anos é tamén reflexo dos cambios acelerados que estamos a vivir como sociedade, e cómpre decidir o modelo de destino turístico que queremos construír. A Coruña, e é unha opinión persoal, ten unha oportunidade enorme de potenciar todo o que é a relación cidade-porto, o turismo MICE —feiras, conferencias, reunións— e a cultura atlántica; ademais da súa potencialidade como turismo urbano e tamén todo o relativo á moda, que xa está moi presente na oferta turística actual.
—Urbes como Barcelona, Ibiza ou Madrid sofren xa «turismofobia». Podería pasar na nosa cidade?
—Penso que A Coruña, nestes momentos, non vive aínda unha situación xeneralizada de saturación turística. Pero si que é certo que existen tensións puntuais, sobre todo ligadas a problemas de capacidade de acollida social máis vinculados á chegada de excursionistas ou de cruceristas que a outro tipo de turistas.
—O porto da Coruña encadea récords de cruceiros. Cales son os pros e os contras da chegada masiva de transatlánticos?
—Os cruceiros son unha oportunidade de crecemento, pero esixen planificación. Xeran visibilidade, consumo puntual e, polo tanto, dinamizan o comercio. O impacto en termos xerais é positivo, pero o reto é que os cruceiristas non sexan só visitantes de paso, senón que conecten co patrimonio, a gastronomía e outros recursos da contorna. Planificando con tempo, entre todos os actores implicados debería chegarse a un consenso para definir cal é o número de cruiceiros ao día, e deste modo xerar unha distribución ao longo do ano.
—Di que A Coruña é un destino turístico de calidade. Que a distingue doutros lugares?
—Tanto Galicia como A Coruña están a apostar por este modelo no que a identidade local é fundamental. Un dos atractivos desta urbe é o seu estilo de vida urbana, afastado do que se entende por cidades masificadas. Somos moi competitivos neste aspecto.
—Pero tamén comezamos a ser un refuxio climático para cada vez máis viaxeiros.
—A emerxencia climática non é positiva para ningún destino. Aínda que ás veces, polo tempo, Galicia poida considerarse un refuxio climático, noutros momentos do ano, como o pasado inverno, ocorre o contrario. Isto dificulta un dos obxectivos prioritarios que temos na Coruña: desestacionalizar o turismo.
—Nunha das mesas de Turiciencia abordouse a xestión da taxa turística. Cal é a vosa opinión sobre este modelo de recadación?
—Obviamente hai moitas interpretacións, pero é unha ferramenta que ben deseñada e aplicada pode contribuír a reforzar tamén a sustentabilidade do destino. Non necesariamente ten que aplicarse en destinos masificados, porque ao final é preciso reforzar a conservación de certos servizos en momentos determinados, como se triplica a poboación. Claro, hai que entender tamén que como calquera outra política en fase de implantación abre espazos de aprendizaxe vinculados á coordinación, adaptación e á percepción por parte dos distintos actores implicados.