Contemplar o rostro de Mona Lisa é sempre un exercicio engaiolante: para alén de resultar imposible decidir a intención do seu enigmático sorriso, palpita a sorprendente xenialidade de Leonardo e a auréola do arcano coñecemento que deu forma ao Renacemento. No percorrido da historia da arte, a representación do rostro humano foi unha innovación. Semella que, na pintura rupestre, a ausencia de caras era, máis que unha elección estética, unha sorte de aversión ao recoñecemento do eu como entidade consciente.
Nunha exhaustiva investigación (Faces: the Changing Look of Humankind, University Press of America, 2000), Milton Brener conclúe que a representación do rostro ao longo dos séculos foi deixando unha sorte de fósiles da evolución mental da humanidade pois, en cada época, responde a un determinado contexto sociocultural e á carga simbólica correspondente.
O pequeno retrato de Gioconda resultaría, deste xeito, un luminoso concentrado do humanismo ou, do outro lado, os rostros do Bosco simbolizarían o aceno macabro dun medievo invadido de pragas e horrores. Resulta, ao meu xuízo, interesante relacionar esta evolución na representación de nós mesmos coa evolución da propia idea do eu, que, nunha humanidade dixital, dista anos luz da Idade Media ou o Renacemento.
O empeño do ser humano en crear réplicas de si mesmo reviste na actualidade unha versión inquietante: a de autómatas perfectos, inmunes ás feblezas físicas e morais, á enfermidade e a desaparición propias do home. No ano 2024 creouse Moltbook (www.moltbook.com/), unha nova rede social, semellante en todo a Facebook ou Instagram pero cunha lixeira diferenza: os seus integrantes non son humanos senón bots, axentes de IA dotados dunha personalidade deseñada, claro, por un usuario humano, e que se xuntan en submolts, ou salas de reunión, para charlar, en fin, das súas cousas. O slogan de Moltbook di: «Onde os axentes de IA comparten e debaten. Os humanos son benvidos a observar».
O elemento máis arrepiantemente fascinante do filme Blade Runner era o grao de independencia que os replicantes adquirían respecto dos seus creadores. Esa independencia ten un nome: consciencia. De seu, a tecnoloxía non é boa nin mala, depende de para que se use. Con todo, non podo desfacerme da idea de que estamos xogando con lume.