O historiador e arqueólogo lugués, referente na investigación e divulgación do patrimonio galego, foi director do Museo do Castro de Viladonga durante máis de tres décadas
09 abr 2026 . Actualizado a las 20:04 h.O historiador, arqueólogo e museólogo Felipe Arias (Lugo, 1949) foi elixido novo membro correspondente da Real Academia Galega tras a votación favorable do pleno da institución, reunido na tarde do venres. A incorporación recoñece unha traxectoria de máis de medio século dedicada á investigación, á xestión e á divulgación do patrimonio cultural galego.
Arias foi director-conservador do Museo Provincial de Lugo entre 1974 e 1984 e estivo á fronte do Museo do Castro de Viladonga desde a súa creación, en 1983, ata a súa xubilación no 2014. Na actualidade é profesor investigador ad honorem da Universidade de Santiago de Compostela e conta cunha ampla produción científica e divulgativa centrada na arqueoloxía, a historia e a conservación do patrimonio.
Natural de Lugo, cidade na que tamén reside, iniciou moi cedo a súa relación coa muralla romana, á que dedicou en 1971 a súa tese de licenciatura, distinguida co premio extraordinario da USC. Ese traballo marcou o inicio dunha liña de investigación que o levou a participar posteriormente en diversos proxectos de intervención e seguimento do monumento, incluída a elaboración do expediente que culminou coa súa declaración como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.
Ao longo da súa carreira participou, en moitos casos como director, en numerosas campañas arqueolóxicas, entre elas as realizadas nas Torres do Oeste, en Catoira, e nos castros do Neixón, en Boiro; Penarrubia, en Lugo; Castillós, en Pantón; ou Santa Eulalia de Bóveda. Especial relevancia tiveron os traballos desenvolvidos no Castro de Viladonga, en Castro de Rei, ao que dedicou máis de trinta anos da súa vida profesional.
Entre 2005 e 2009 exerceu tamén responsabilidades na xestión pública como director xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia. No eido editorial asinou máis de 300 textos entre artigos científicos, colaboracións e obras colectivas, e foi o impulsor da revista Croa, publicación de referencia nos estudos sobre arqueoloxía, etnografía e patrimonio da Terra Chá e da provincia de Lugo.
É autor ou coautor de títulos como Las Murallas romanas de Lugo, A romanización de Galicia ou o Diccionario de termos de Prehistoria e Arqueoloxía, ademais de colaborar habitualmente en actas de congresos, catálogos de exposicións e diversos medios de comunicación galegos.
Felipe Arias forma parte de distintas entidades científicas e culturais, como o Museo do Pobo Galego —do que é patrón fundador— e a Real Academia Galega de Belas Artes. Ao longo da súa traxectoria recibiu recoñecementos como o Premio Otero Pedrayo, en 1979, e o Premio da Cultura Galega no ámbito do patrimonio cultural, en 2013.