
Hugo Cris e a súa filla Lara LaNuit xogan dende sempre a facer música. Polo Día das Letras Galegas cantan de forma diferente o clásico «O gato metido no saco»
17 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Hugo Cris é o pai de Lara LaNuit, unha nena de 5 anos que dende ben pequena xoga a facer música. «Este ano quixo celebrar o Día das Letras Galegas dun xeito especial, gravando unha versión punk do tema tradicional O gato metido no saco», conta Hugo, veciño do barrio coruñés do Ventorrillo.
O amor pola música da nena ven do seu proxenitor. «Ela veme cantando, tocando e gravando dende sempre. Non son profesional, pero sempre me gustou moito a música», conta Hugo, que engade: «A Lara chámaballe a atención verme tocar e dende ben pequena, con 2 ou 3 anos, comezamos a xogar facendo música. Outros xogan con bonecos e nós así. Facemos cancións ou montamos obras de teatro».
A idea de versionar un tema polas Letras Galegas xurdiu de xeito natural. «Estaba falando con Lara, explicándolle en que consistía este día e a cultura galega. A ela lle gustan moito as cancións tradicionais, porque de bebé a durmía cantandolle estos temas, como miña avóa e miña nai facían conmigo. Como xusto este ano homenaxease ás pandereiteiras e a ella le encanta a canción de O gato metido no saco, díxome que a quería cantar por esta data», narra Hugo, que engade: «Ten 5 anos, pero as ideas moi claras. Foi idea dela, non é algo que teña metido por min como pai».
Porque Lara é moi fan de todo o que ten que ver coa música. «Escoita sobre todos grupos infantís en galego, como Uxía Lambona e a Banda Molona, Brais das Hortas ou Peter Punk. Nós a levamos moito a ver espectáculos deste tipo», apunta Hugo. En canto ao estilo elixido por Lara para versionar o clásico tema, o punk, Hugo di que é un xénero que lle gusta «para os nenos é máis combativo e sae da infantilización da infancia». Un estilo musical que a súa filla xa plasmou noutra canción, Anarki?a na gharderi?a, coa que se fixo viral.
«Gravamos esa canción e o vídeo para ter en Youtube para nós, a nosa familia e amigos. Nunca imaxinei que ía ser algo máis», indica Hugo, que di que as ideas parten da súa filla. «Ela di como quere facer todo». A nena leva a súa arte ao colexio, o María Barbeito. «Estamos moi contentos porque no centro animan moito aos nenos a facer temas artísticos e expresarsen deste xeito».
Ademais de o apoio do colexio, tamén teñen o da Asociación de Veciños do Ventorrillo. Precisamente, nunha actividade organizada pola entidade, Lara presenteu a tarde deste venres o tema. «José Brea, un veciño do barrio, convidounos a ir á xornada pola convivencia en paz e, como coincide coa xornada previa ás Letras Galegas, presentaremos o vídeo e o tema», di Hugo, que explica que o nome artístico da súa pequena, LaraLanuit, é por unha canción que él lle fixo. «Escribina cando naceu, contando o que sentín». Agora a súa filla máis él comparten ese amor pola música e o galego.