A Coruña das Letras (e das músicas) regresa con novas rutas guiadas por Xurxo Souto
A CORUÑA

Cada sesión terá unha duración aproximada dunha hora e media e a actividade está dirixida a maiores de 16 anos
26 abr 2025 . Actualizado a las 12:03 h.O Concello da Coruña organiza unha nova edición do programa A Coruña das Letras, que este ano se presenta baixo o nome de A Coruña das Letras (e das músicas), cunha dedicación especial á música tradicional e ás cantareiras, protagonistas do Día das Letras Galegas 2025.
A iniciativa, impulsada polo goberno local, ten como obxectivo poñer en valor a identidade dos barrios da cidade, así como fomentar o uso do galego, a súa cultura e literatura. Para iso, celebraranse tres sesións de rutas guiadas polo músico e escritor Xurxo Souto, nas que se afondará na historia e na toponimia tradicional da Coruña, descubrindo lugares pouco coñecidos relacionados coas figuras homenaxeadas.
A primeira ruta, titulada A ruta das cantareiras: Rosa Casás, Eva Castiñeira e outras músicas da Coruña, terá lugar o sábado 3 de maio ás 11.30 horas. As inscricións para esta sesión abriranse o luns 28 de abril.
A segunda sesión, As rúas que soan: da Pescadería ao Campo da Leña. Ópera ambulante, celebrarase o sábado 7 de xuño, tamén ás 11.30 horas, coa apertura de inscricións o 26 de maio.
A última ruta, Historias ocultas da música popular: tras as pegadas de Manuel Cajaraville e as Pandeireteiras de Mens, levarase a cabo o sábado 14 de xuño, con inscricións abertas a partir do luns 9 de xuño.
Cada ruta contará cun máximo de 55 prazas, que deberán solicitarse enviando un correo a inscricionslingua@coruna.gal, indicando nome, apelidos e teléfono de contacto. O lugar de saída comunicarase no correo de confirmación. Cada sesión terá unha duración aproximada dunha hora e media e a actividade está dirixida a maiores de 16 anos.
Toda a información do programa pode consultarse na web municipal www.coruna.gal/lingua.